Ir o contido principal

A Rede de investigación Universidade para a Sociedade do Coñecemento inicía a vindeira semana a súa cuarta xuntanza na Facultade de Ciencias da Educación

A Rede de investigación Unisic (Universidade para la Sociedade do Coñecemento) manterá a súa cuarta reunión de traballo dende o vindeiro luns 7 ata o venres 11 na Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur. Na inauguración do encontro, prevista para as 9:30 horas na Sala de Xuntas do centro, participarán o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Lois Ferradás; o director do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, Antonio Rial Sánchez; e a coordinadora da Rede pola USC, Adriana Gewerc.
A Rede Unisic nace da unión dun grupo de universidades iberoamericanas preocupadas e ocupadas polo desafío de enfrontarse á chamada sociedade do coñecemento. Coa coordinación da Universidade de Santiago de Compostela, a rede está integrada ademais polas universidades de Los Lagos (Chile), San Francisco Xavier (Bolivia), Nacional de Córdoba (Arxentina) e pola Universidade Autónoma Juan Misael Saracho de Tarija (Bolivia).
Na actualidade, a Rede traballa nunha serie de proxectos financiados pola Agencia Española de Cooperación Iberoamericana (AECI) que profundarán nas posibilidades, dificultades e límites aos que se enfrontan as institucións de educación superior, de xeito particular as involucradas neste proxecto, cando pretenden encarar os desafíos que impón a sociedade do coñecemento e idear proxectos de acción pertinentes a cada un dos contextos. Preténdese que as institucións universitarias podan dar resposta ás demandas que implican estes cambios e formar grupos de especialistas estables nas diferentes institucións.
As reunións anteriores celebráronse en Compostela (marzo de 2007), Córdoba (setembro de 2007) e Tarija (novembro de 2007). Para acadar máis información, as persoas interesadas teñen á súa disposición á paxina web da rede http://stellae.usc.es/unisic.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2008.