Ir o contido principal

A Rede Mercurio presenta en Lugo un programa para a cesión de naves industriais e laboratorios a emprendedores

A través deste proxecto, do que forma parte a USC, os promotores das iniciativas empresariais optarán a locais en réxime de alugueiro e con opción de compra

A Rede Mercurio, integrada por diferentes organismos e entidades da cidade de Lugo comprometidos co fomento do emprego e o apoio ás ideas emprendedoras, e da que forma parte a USC, presentou unha iniciativa destinada á construción de naves para que os promotores de proxectos emprendedores no sector da investigación ou da transformación e elaboración de produtos poidan desenvolver a súa actividade nos polígonos industriais da cidade.

A idea parte da necesidade detectada nos viveiros de empresas, nos que se instalan os emprendedores que non necesitan de máis espazo ca unha oficina. Porén, ata o de agora non se dispoñía dunha solución para desenvolver aqueles proxectos que, por incorporar un labor produtivo ou de transformación, precisan dun local de maiores dimensións e con outros equipamentos adaptados aos procesos industriais ou de investigación.

Fase de construción

As naves construiranse en terreos que o Concello de Lugo posúe nos polígonos industrias que rodean a cidade, e a superficie de cada espazo empresarial oscilará entre os 175 e os 500 metros cadrados, totalmente equipados para a posta en marcha de calquera actividade industrial ou de traballo en laboratorio. Os locais cederanse aos emprendedores en réxime de alugueiro por un período de doce anos, aínda que quedará aberta a opción de compra posterior en caso de que o proxecto se consolide. De momento a iniciativa atópase na súa fase inicial, aínda que para este ano xa está disposta unha partida orzamentaria que permitirá comezar os labores de construción dos edificios. Unha vez as instalacións estean listas para albergar as novas empresas, abrirase o prazo de inscrición para os emprendedores interesados en desenvolver nelas a súa actividade, e que serán elixidos por parte dun comité de valoración a partir dunha serie de criterios: número de postos de traballo creados, carácter novidoso ou de especial interese para a zona da actividade desenvolvida, respecto polo medio ou presenza anterior nalgún dos viveiros de empresas da cidade. Implicación de todas as institucións A Rede Mercurio comezou o seu traballo no ano 2009 co fin de captar, promover e apoiar a creación de novas iniciativas empresariais baseadas na tecnoloxía, o coñecemento e a innovación en Lugo, ao tempo que se sumaron os esforzos de todas as entidades que a conforman que ata ese momento traballaban conxuntamente só de xeito puntual ou bilateral. A USC está representada no proxecto a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus de Lugo. Ademais da USC, no grupo de traballo Rede Mercurio participan unha decena de entidades, entre as que destacan o Concello de Lugo, a Deputación provincial, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Cámara de Comercio ou a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Ceao.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2012.