Ir o contido principal

A Rede Nacional de Bioestatística iniciou en Medicina a súa segunda xuntanza

No encontro participan preto de douscentos expertos internacionais. Foto: Alfonso-Servimav
No encontro participan preto de douscentos expertos internacionais. Foto: Alfonso-Servimav
Agrupando a 185 investigadores internacionais e baixo a coordinación do grupo da USC GRID[ECMB], na xuntanza terán un especial protagonismo os investigadores novos e a proxección internacional da...

A Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet) iniciou este venres a súa segunda xuntanza na Facultade de Medicina da USC, onde se vai estender ata o sábado 26. A inauguración do encontro presidiuna o reitor Juan Casares na Aula Castelao do centro compostelán. Biostatnet é unha rede constituída en 2010 e avalada cientificamente polo Ministerio de Economía e Competitividade que integran 185 investigadores pertencentes a 25 universidades españolas, 22 institucións biomédicas e 20 universidades estranxeiras. Está estruturada en oito nodos, correspondentes a Castela A Mancha, dous en Cataluña, Galicia, Granada, Madrid, País Vasco e Valencia. No caso da comunidade galega, a investigadora responsable é a catedrática de Estatística Carmen Cadarso Suárez. A rede, englobada no entorno do Campus de Excelencia Internacional da USC, é un proxecto liderado polo grupo interdisciplinar GRID[ECMB] que dirixe a profesora Cadarso. Entre os seus obxectivos, Biostatnet busca coordinar a investigación e a docencia da bioestatística en España impulsando a súa proxección exterior, así como promover a investigación de excelencia e formación en bioestatística e favorecer a súa transferencia e aplicabilidade en biomedicina. Ademais, a rede procura proporcionar un marco común para a formación integral de futuros bioestatísticos e potenciar a novos investigadores. No acto inaugural deste venres, xunto ao reitor participaron ademais o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o director do Departamento de Estatística e Investigación, César Sánchez Sellero; o director de Xestión e Valorización de Investigación da USC e coordinador do Plan Estratéxico de Campus Vida, Rogelio Conde-Pumpido; e a profesora Carmen Cadarso Fernández. Logo da sesión inaugural fíxose unha análise do programa de actividades que desenvolve a Rede e comezou a presentación de comunicacións e pósteres. A Aula Castelao e as aulas 11 e 9 acolleron a continuación unha quenda dedicada ás comunicacións orais dos investigadores novos. A sesión matinal complétase coa celebración da mesa redonda ‘Bioestatísticos en institucións biomédicas: unha necesidade?’. Intervirán expertos das universidades do Pais Vasco e de Santiago, así como da Autónoma de Barcelona e da Politécnica de Cataluña. Pola tarde, ademais das comunicacións orais, está programada unha mesa de investigadores novos que tratará entre outros asuntos o presente e futuro da investigación, desenvolvemento de novos conceptos para a súa aplicación ou a docencia, entre outros asuntos. O programa do sábado comezará ás 9.30 horas coa mesa redonda ‘Formación actual en Bioestatística’ e continuará coa conferencia convidada que pronunciará a directora do Laboratorio de Bioestatística da Universidade de Atenas, Urania Dafni. Para completar a xuntanza debateranse sobre o futuro da Rede Biostatnet, particularmente dende a perspectiva da súa proxección internacional. O reitor, no centro da imaxe, presidiu a sesión inaugural. Foto: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2013.