Ir o contido principal

A Rede Temática 'As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano' pecha en Santiago o programa para 2010

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades acolleu estes días a Reunión Anual da Rede Temática ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ que coordina a profesora Blanca-Ana Roig e na que se deu conta da recepción e impacto do monográfico A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil nos distintos ámbitos, tanto en revistas como en artigos e monografías.
Na mesma xuntanza acordouse o programa de accións da rede para 2010, que contempla continuar coa coordinación dos Encontros Luso-Galaico-Franceses que se celebrarán en novembro na Biblioteca Almeida Garrett de Porto baixo o lema ‘Maré de libros’.
Paralelamente, comezarán a preparar un encontro sobre metodoloxías de investigación en literatura infantil e xuvenil para febreiro de 2011 no que ademais participarían os investigadores convidados e en formación que están a realizar traballos en colaboración cos membros da Rede. O encontro desenvolverase na Universidade de Castela-A Mancha, en Cuenca, baixo a coordinación de Pedro Cerrillo Torremocha. A primeira actuación para ir preparándoo será a elaboración dunha base de datos sobre os traballos de investigación titorizados e títulos de teses.
Ademais, organizarán o VII Curso de Formación Continua ‘Reescrituras actuais do conto popular. Século XXI’ e elaborarán os traballos que conformarán o monográfico anual da Rede As reescrituras do conto popular (2000-2009) co obxecto de ofrecer aos mediadores, ademais de traballos teóricos sobre a cuestión, unha selección de obras para a formación lectora.
Na xuntanza contouse coa presenza da Subdirectora de Política Lingüística, Cristina Rubal González, que apoiou e animou á Rede para que seguise co seu traballo a pesar da crise actual. Tamén recibiron á Rede o Coordinador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (Manuel González), o seu Secretario (Xesús Ferro) e o Coordinador da sección de Literatura (Anxo Tarrío).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2009.