Unha rede única incrementará o valor que as estacións biolóxicas da USC achegan á sociedade

As estacións de Bioloxía Mariña da Graña, Científica do Courel, así como a de Hidrobioloxía do Encoro do Con, recentemente integradas na Rede de Estacións Biolóxicas da USC (REBUSC), acaban de iniciar unha nova etapa baixo unha única coordinación científica na que buscarán facilitar a conexión entre elas nos diferentes ámbitos, tanto da investigación, como a docencia, divulgación e transferencia do coñecemento. O nacemento desta rede incrementará o valor que as estacións achegan á sociedade e mellorará o fluxo de información cara ao resto da comunidade científica.
“A REBUSC pretende, por unha banda, buscar sinerxías entre as tres estacións; así como, pola outra, favorecer que volvan ás súas orixes como infraestruturas de apoio á docencia e á investigación fortalecendo as súas relacións cos centros”, apunta o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. A coordinación científica correrá a cargo do profesor Xosé Lois Otero Pérez, quen subliña “a importancia de conectar mar, río e montaña, os tres eidos dos que se ocupan as estacións que integran a rede”. Otero Pérez fai fincapé en que nesta nova etapa que se acaba de iniciar, non só se estreitará o vínculo cos centros docentes e investigadores da USC, senón que tamén se abrirá a porta a fortalecer as sinerxías con facultades doutras universidades que “nos poden subministrar grandes beneficios”.
Impulsando a investigación sobre o medio natural da súa contorna e fortalecendo a conexión entre a o mundo académico e a sociedade, a REBUSC constitúe un recurso chave que permitirá estudar os procesos ambientais a múltiples escalas espaciais e temporais, compartindo non só as infraestruturas e equipamentos, senón tamén a experiencia e coñecemento xerado en cada unha de elas. O feito de que se trate dunha estrutura complexa, volve imprescindible a necesidade dunha coordinación única co fin de que se poidan satisfacer as posibles necesidades que xurdan, e que están en constante cambio.
Eficacia operativa
A REBUSC pasa a ser, deste xeito, unha estrutura que promoverá a innovación e o descubrimento, converténdose nun centro de investigación integrada, facilitando a realización de deseños experimentais complexos a longo prazo. Este novo marco favorece o acceso adecuado dos membros da comunidade científica e estudantes aos sistemas terrestres, acuáticos e mariños; e mellorará, tal e como apuntan dende a súa coordinación científica, a eficacia operativa de cada unha das estacións. Asemade, a súa función de apoio á docencia permitirá a formación das vindeiras xeracións de profesionais.
Coa intención de outorgar visibilidade á actividade das estacións, o reitor Antonio López visitou a Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e está previsto que en vindeiras datas visite o resto de estacións que compoñen esta rede única.