Ir o contido principal

RedEmprendia aposta pola formación internacional dos emprendedores novos

O programa ‘Novos Emprendedores: Aprendendo a Emprender, promovido por RedEmprendia co apoio de Banco Santander, ofrece a universitarios cun proxecto emprendedor a posibilidade de realizar estanzas formativas en empresas. Este é o caso de Elizabeth Nava, unha emprendedora nova do Instituto Tecnolóxico de Monterrei (México) que permaneceu durante catro meses na empresa 3R Ingeniería Ambiental, spin-off da USC. A experiencia permitiulle ”forxar unha rede de contactos inmensa en España que levarei a México”. Elizabeth Nava interesouse polo programa ‘Novos Emprendedores: Aprendendo a Emprender’ atraída pola oportunidade de “internacionalizar a experiencia” e estudar os avances europeos e españois en materia de ecoloxía e medio ambiente, ámbito ao que se dedica a súa empresa, Entelequia, de consultoría ambiental. A súa estadía na USC, nunha empresa cun perfil “moi diferente” ao seu propio proxecto, serviulle para “complementar” a súa formación, ademais de que o seu coñecemento do mercado latinoamericano lle permitirá, nun futuro, “apoiar a internacionalización” de 3R Ingeniería nesta rexión. Nava afirma que “a experiencia foi positiva; traballar en 3R Ingeniería axúdame tamén a pensar no meu propio proxecto”, xa que estar fóra do “día a día” de Entelequia lle permite “pensar máis nas estratexias” de futuro para a empresa. Neste senso, “todo o que fun absorbendo aquí funllo transmitindo aos meus compañeiros en México, cos que me comunicaba a diario”. Sobre RedEmprendia RedEmprendia é unha rede universitaria iberoamericana de incubación de empresas que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Na actualidade está formada por 20 universidades iberoamericanas de sete países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia –a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa- e Banco Santander, que a través da súa División Global Santander Universidades respalda e patrocina todas as actividades de RedEmprendia. Para este ano, RedEmprendia propúxose organizar un foro internacional de referencia sobre emprendemento universitario. Co nome de ‘RedEmprendia Spin 2012’, se celebrará en Madrid os días 27 e 28 de novembro e albergará a entrega de varios premios para emprendedores, así como un foro de inversión para empresas innovadoras, entre outras iniciativas. Más información en www.redemprendia.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2012.