RedEmprendia deseña desde Santiago de Compostela a súa estratexia para o futuro do emprendemento universitario

Unha aposta decidida polas mulleres emprendedoras e un ambicioso programa de aceleración de empresas spin-off universitarias son dous dos obxectivos clave que RedEmprendia se propón materializar nos próximos cinco anos. Así o puxo de manifesto a rede universitaria, con presenza en 24 universidades de España, Portugal e América Latina, na reunión de vicerreitores e vicerreitoras que tivo lugar este mércores no Centro de Estudos Avanzados da USC como preámbulo da reunión semestral do Comité Técnico da rede que se desenvolverá este xoves e o venres no mesmo lugar. Trátase do primeiro encontro destas características que celebra a rede e que reuniu na capital compostelá aos responsables de goberno en temas de transferencia de I+D, innovación e emprendemento de 21 institucións de educación superior de España, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia e México. Na apertura do encontro participaron o reitor da USC, Juan Viaño, o presidente de RedEmprendia, Senén Barro Ameneiro, e José Manuel Moreno, subdirector xeral adxunto de Banco Santander, entidade que a través de Santander Universidades exerce un fundamental mecenado das actividades de RedEmprendia. Os tres inaugurarán tamén este xoves 16 ás 9.00 horas a reunión do Comité Técnico de RedEmprendia, no que ao longo de dous días se profundará en moitos dos temas que xa se trataron na xuntanza de hoxe. Mulleres emprendedoras e spin-offs universitarias, as prioridades O encontro deste mércores serviu para dar a coñecer e debater os obxectivos e compromisos estratéxicos de RedEmprendia, recollidos no documento ‘RedEmprendia Horizonte 2020’, dos que nacen os programas de apoio ao emprendemento universitario que a rede vai desenvolver nos próximos cinco anos. Entre as accións máis destacadas está a posta en marcha dun programa de aceleración da aprendizaxe empresarial deseñado especialmente para apoiar as mulleres universitarias que queren crear empresas baseadas no coñecemento. Esta iniciativa combinará a formación internacional en empresas con apoios específicos adaptados á situación particular das emprendedoras en España, Portugal e América Latina. RedEmprendia traballa tamén na posta en marcha dun ambicioso programa de aceleración de spin-offs universitarias, que terá presenza en seis países da rexión iberoamericana. Esta liña de acción, actualmente en fase de desenvolvemento, contará coa colaboración destacada da Universidade de Santiago de Compostela e beneficiará empresas de orixe universitaria de Galicia, España, Portugal e América Latina. “Desde a USC somos plenamente conscientes da importancia do emprendemento como un dos mecanismos clave para a creación de riqueza e benestar social”, dixo o reitor. Neste contexto, a universidade “non pode quedar á marxe neste desafío e debe brindar ao seu estudantado, recén egresados, investigadores e académicos unha completa oferta de programas e servizos que lles permita transmitir e transferir á sociedade o coñecemento adquirido xa sexa mediante a colaboración en proxectos de I+D con empresas, a protección e posterior comercialización do coñecemento xerado ou a creación de empresas fortemente innovadoras”. “É precisamente neste contexto –sentenciou Viaño– onde RedEmprendia constitúe un extraordinario escaparate de oportunidade para as universidades que a conforman, non só polo impacto directo que ten a través dos seus programas senón tamén por establecer un marco de colaboración permanente entre las universidades e outros axentes implicados”. Pola súa parte, Senén Barro sinalou a relevancia de “discutir o que se quere facer, por que e como imos facelo colectivamente” xa que RedEmprendia “é un proxecto común que non tería sentido sen as universidades”. Por ese motivo, “aínda coa incerteza que supón planificar a 5 anos vista, e máis no ámbito da transferencia dos resultados de investigación e do emprendemento universitarios, é moi importante ver máis aló do día a día, aliñar obxectivos e compromisos e dalos a coñecer”. O presidente de RedEmprendia fixo ademais fincapé na utilidade deste tipo de encontros “para orientar as apostas doutras entidades que teñan fins parecidos ou complementarios aos de RedEmprendia”. Neste sentido, o subdirector xeral adxunto de Banco Santander, José Manuel Moreno, agradeceu a invitación a Santander Universidades para estar presente nesta reunión de vicerreitores, permitindo á entidade “acompañarvos e participar das vosas reflexións e extraer ideas e criterios para poder aliñar tamén a nosa acción futura”. Sobre RedEmprendia RedEmprendia (www.redemprendia.org) é a rede universitaria máis importante de Iberoamérica orientada á transferencia de I+D e ao emprendemento. É unha rede que traballa de modo colaborativo, tanto para os seus asociados como para dinamizar o denominado Espazo Iberoamericano do Coñecemento. Creada no ano 2008, está formada na actualidade por 24 universidades líderes de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia, rede universitaria formada por 1.345 universidades de fala hispana e portuguesa, e Banco Santander, por medio de Santander Universidades. No seu conxunto, as 24 universidades de RedEmprendia agrupan a un millón e medio de estudantes, máis de 150.000 docentes e investigadores e arredor de 1.200 empresas en incubación. A reunión serve de preámbulo da semestral do Comité Técnico da rede que se desenvolverá este xoves e o venres tamén no CEA (Foto: SERVIMAV-USC)