RedEmprendia e Microsoft únense para impulsar o emprendemento en 24 universidades iberoamericanas
A rede universitaria iberoamericana RedEmprendia e Microsoft Ibérica colaborarán no fomento da I+D e a creación de novas empresas desde as propias universidades en sete países de Iberoamérica. Cooperarán impulsando accións de apoio, facilitando ferramentas, acceso a bases de coñecemento e formación técnica para os emprendedores nas 24 universidades iberoamericanas que participan na Rede, entre elas a USC. O acordo establece o apoio ás spin-offs e startups de base tecnolóxica das universidades a través do programa BizSpark de Microsoft (de acceso totalmente gratuíto para os emprendedores de RedEmprendia) e a colaboración entre as universidades para identificar os ámbitos de investigación e innovación nos que se poidan establecer sinerxías para a colaboración en proxectos conxuntos. O profesor da USC Senén Barro, presidente de RedEmprendia, destacou a aposta da Rede por “ converter a Universidade en motor dun tecido empresarial iberoamericano baseado na innovación e o coñecemento”, para o que “é de vital importancia que as ideas que xerminan nas aulas e laboratorios conten con recursos para crecer e converterse en proxectos reais que redunden en beneficio de toda a sociedade”. RedEmprendia RedEmprendia busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Na actualidade está formada por 24 universidades iberoamericanas de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia e Banco Santander.
Máis dun millón de estudantes e uns 100.000 docentes e investigadores teñen acceso aos programas de RedEmprendia, orientados á creación e consolidación de empresas spin-off e startups baseadas no coñecemento e a innovación, a formación de novos emprendedores universitarios ou a identificación e difusión de instrumentos e boas prácticas en emprendemento.