Ir o contido principal

RedEmprendia organiza un encontro con inversores para emprendedores universitarios iberoamericanos

Representa unha oportunidade de atopar posibles vías de financiamento

RedEmprendia impulsa o Foro de Inversión para empresas innovadoras, cuxa finalidade será impulsar proxectos empresariais xurdidos das universidades iberoamericanas e os seus programas de valorización e emprendemento. Ao evento están convidadas as empresas que estean buscando financiamento ante a posibilidade de presentarse ante inversores internacionais, tanto públicos como privados e business angels. Este Foro de emprendemento universitario celebrarase en Madrid os días 27 e 28 de novembro. A inscrición está aberta a todas aquelas compañías con menos de 10 anos de vida e un carácter fortemente innovador no seu sector (TIC, ciencias biomédicas, agroindustria, novos materiais, medioambiente e enerxético, ciencias sociais, humanidades,...). A participación pode solicitarse mediante un formulario cos datos referentes ás súas necesidades de inversión e facturación, adxuntando un plan de empresa que contemple as actividades asociadas á nova inversión. A inscrición pode formalizarse ata o 15 de setembro. Un panel de consultores expertos avaliará as candidaturas e decidirá qué empresas se presentarán finalmente no Foro de Inversión. A organización de RedEmprendia Spin 2012 cubrirá os gastos de aloxamento para un dos promotores de aquelas empresas que resulten seleccionadas, e brindaralles asesoramento para realizar a súa presentación ante os inversores. Ademais, as empresas que participen no Foro de Inversión poderán optar ao recoñecemento á mellor empresa innovadora no seu ámbito temático. RedEmprendia RedEmprendia é unha rede de universidades iberoamericanas que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendimento responsable. Na actualidade, está formada por 20 universidades de sete países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia –a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa- e Banco Santander, que a través da súa División Global Santander Universidades respalda e patrocina todas as actividades de RedEmprendia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2012.