Reflexionan en Santiago sobre as estratexias de infraestrutura verde

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC organiza xunto co Concello de Santiago o Congreso Internacional de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático de Santiago de Compostela, que se inaugurou este mércores en Feuga coa presenza do reitor Antonio López.
Nos dous días do encontro, no que colabora o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, daranse a coñecer as estratexias de Infraestrutura Verde nos ámbitos estatal e autonómico e reflexionarase sobre o papel das entidades locais no marco das súas competencias en materia de infraestrutura verde. Deste xeito, presentaranse exemplos de proxectos que se están a desenvolver en distintas cidades e que poden ser de aplicación no contexto galego e estatal.
Na inauguración do congreso, ademais do reitor compostelán, participaron a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; o director do IBADER, Pablo Ramil; o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías, Xesús Manuel Domínguez; a directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, María Jesús Rodríguez; e o director do Instituto de Estudos do territorio, Enrique Luis de Salvador.
Entre Sar e Sarela
O encontro enmárcase no Proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, coordinado polas mesmas entidades e que ten por obxectivo impulsar a renaturalización urbana e a infraestrutura verde de Compostela para favorecer a conectividade ecolóxica do Anel Verde Exterior coa trama urbana. A iniciativa conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.