Ir o contido principal

Un novo regulamento actualiza o status de lingua propia do galego na USC

O documento aborda o uso da lingua en relación coa imaxe institucional e corporativa. FOTO: Santi Alvite
O documento aborda o uso da lingua en relación coa imaxe institucional e corporativa. FOTO: Santi Alvite
O documento aprobado polo Consello de Goberno atende as novas necesidades que xorden da man das novas tecnoloxías, da aparición de contextos multilingües e da internacionalización
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno aprobou un novo Regulamento de Usos Lingüísticos da USC que pretende asegurar o status de lingua propia do galego; garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral; e contribuír ao uso do galego en certos ámbitos en que carece dunha presenza equilibrada e á proxección internacional da institución compostelá. Esta foi unha das cuestións tratadas na xuntanza do Consello de Goberno que este venres 28 desenvolveuse na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo, recuperando así a práctica seguida antes da pandemia de celebrar unha sesión ao ano no campus lucense.

Dende 1993, data de aprobación do anterior regulamento nesta materia, as circunstancias mudaron, especialmente, da man das novas tecnoloxías, da aparición de contextos multilingües e da internacionalización, que entraron transversalmente e a fondo en todas as estruturas universitarias, creando novos espazos de comunicación e novas necesidades que o texto precedente non consideraba. O regulamento aprobado afondará no papel dinamizador no uso do galego que a USC, como institución pública, debe desenvolver.

Deste xeito, o documento aborda o uso da lingua en relación coa imaxe institucional e corporativa, os usos lingüísticos institucionais, académicos, internos, na administración, nas relacións coa cidadanía, nas comunicacións con outras institucións e entidades, ou nas publicacións e publicidade, entre outros ámbitos.

Titulacións

As  titulacións  oficiais  de  grao  e mestrado na USC, así como o  procedemento  de  aseguramento  da  súa  calidade estarán tamén suxeitos a un novo regulamento que actualiza o documento aprobado en 2017. Esta modificación atópase en consonancia co establecido no Real Decreto 822/2021 que aborda e modifica certos aspectos básicos da ordenación das ensinanzas universitarias.

Así, o novo texto contempla os obxectivos e principios reitores das titulacións, define os seus órganos responsables, as directrices xerais, modalidades docentes, estruturas curriculares específicas e de innovación docente; ou como deben formularse as novas propostas, modificacións e supresións de titulacións de grao e mestrado universitario, entre outros aspectos. O Consello tamén aprobou a convocatoria anual de novas propostas e modificacións de titulacións de grao, mestrado universitario e doutoramento para a súa implantación no curso 2024-25. O procedemento de admisión e matrícula condicionada nos estudos de máster universitario foi outra das cuestións tratadas na xuntanza.

Persoal

En materia de profesorado, o órgano colexiado deu luz verde á  proposta de asignación de 50 prazas de catedrático/a. Ademais, tamén se asignaron a áreas de coñecemento prazas de profesorado axudante doutor, de asociado e de profesorado con vinculación permanente, alén de aprobarse prórrogas de profesorado asociado.

A entrada en vigor da reforma laboral supón a limitación dos  contratos  temporais  só para  supostos  excepcionais, o que implica a necesaria modificación do regulamento da USC en materia de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i. Así, o Consello de Goberno aprobou a modificación que afecta ao articulado no que se fai referencia unicamente a contratos de obra e servizo determinados. A modificación   da   normativa   de   contratación   da   USC,  no  referido  á  composición  da  mesa  de  contratación, foi outra das cuestións abordadas en material de persoal.

Outros temas

Outras cuestións tratadas na xuntanza foron a elección do representante do estudantado do Consello de Goberno no Consello Social, a renovación do convenio para o desenvolvemento da Cátedra Institucional TiCare en investigación en osteointegración e terapéutica con implantes; as memorias das Plataformas Científico-Tecnolóxicas, institutos de investigación e centros singulares; a proposta para a creación,  participación  e  cualificación  da  empresa Evoluciona Psicoeducación como empresa de base tecnolóxica da USC; a modificación do Plan Estratéxico do Campus Terra; convenios e asuntos económicos.  

A xuntanza desenvolveuse na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo
A xuntanza desenvolveuse na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2022.