O reitor apela “á responsabilidade de toda a comunidade universitaria” no arranque do curso 2020-2021

O reitor Antonio López deu conta este luns da “relativa normalidade” coa que arrancou o curso universitario 2020-2021 a pesar da situación excepcional provocada pola COVID-19. Antonio López subliñou que o 25% do alumnado matriculado está asistindo á clase de xeito presencial e que a intención da USC é “explotar ao máximo a presencialidade” tendo en conta que este é un “proceso adaptativo” dependendo de como evolucione a pandemia. Neste senso, debe terse en conta que a meirande parte dos centros contemplaron clases presenciais só para o novo alumnado durante a primeira semana e que, paulatinamente, o resto de alumnado irase incorporando nos vindeiros días co desenvolvemento das sesións interactivas.
“Seguir en contacto coas autoridades sanitarias para afinar ao máximo os protocolos e a toma de decisións” é a intención da USC de cara á xestión desta crise, apuntou o reitor, quen estivo acompañado do xerente da Universidade e responsable COVID, Javier Ferreira. “Dende a USC queremos apelar á responsabilidade de todos as persoas da comunidade universitaria”, sinalou Antonio López. O reitor tamén puxo o foco en que é preciso que a comunidade universitaria se implique na solución do problema a todos os niveis. Neste senso, “a responsabilidade de todos e todas ten que trasladarse agora fóra do espazo universitario”, animando ao exercicio responsable do tempo de ocio, cuestión que será abordada a través dunha campaña conxunta con axentes do sector da hostalaría na que a USC, botando man das redes sociais, quere promover un uso responsable do ocio nocturno e que será presentada nos vindeiros días.
Investiranse como mínimo cinco millóns de euros
O reitor quixo explicar ante os medios de comunicación a dotación de medidas que a Universidade está a desenvolver de cara a facilitar a docencia nas circunstancias actuais nas que se están a combinar presencialidade e semipresencialidade. No marco das mesmas, a Universidade leva xa investido dous millóns e medio de euros malia que “a previsión de gasto para a totalidade do curso chega, como mínimo, aos cinco millóns de euros”, explicou Javier Ferreira, quen quixo subliñar a importancia de a Xunta de Galicia tome este dato en consideración de cara ás futuras negociacións no relativo ao reparto do Fondo COVID.
Instalación de material sanitizante de autolimpeza do espazo ocupado na aula por cada alumno, subministro de máscaras faciais de protección cada 60 días a toda a comunidade universitaria, máis de 200 aulas equipadas para a retransmisión de clases en liña, ou a adecuación de infraestruturas ás novas circunstancias, como por exemplo, á hora de favorecer a ventilación, son algunhas das medidas adoptadas pola USC de cara a este curso que acaba de iniciarse. En total, a USC puxo a disposición da comunidade universitaria 450 equipos portátiles así como outro material docente de carácter informático e continúa a analizar e atender as demandas que continúan a xurdir.
Estrutura COVID
Dende un punto de vista estrutural, a USC creou a oficina de atención COVID que está xestionar as incidencias relacionadas coa crise sanitaria. Asemade, foron designados 87 delegados COVID, un por cada instalación universitaria, que asumen a responsabilidade dentro do seu centro. O Comité de Xestión COVID reúnese cada semana e no mesmo toman parte decanos e directores de departamento. A todo isto súmase un grupo de expertos en Medicina e Bioloxía, entre outros eidos, encargado de asesorar á USC na toma de decisións.
A todas estas iniciativas hai que engadir a posta en funcionamento dun programa de voluntariado a través do cal o alumnado inscríbese coa intención de concienciar aos seus compañeiros e compañeiros na necesidade de seguir as medidas ditadas polas autoridades sanitarias. Dous centenares de alumnos toman parte neste programa pioneiro.
Ata o de agora, a USC só ten constancia catorce casos positivos informados polas autoridades sanitarias. De todos eles, só unha persoa comezou a experimentar síntomas dentro das instalacións universitarias, illándose de xeito inmediato no espazo COVID do seu centro ata recibir as indicacións das autoridades sanitarias. En total, 39 persoas da comunidade universitaria notificáronlle á USC que deben manterse en corentena por contacto con algún caso positivo.
