Ir o contido principal

O reitor da Autónoma de Madrid, Ángel Gabilondo, novo presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE)

Senén Barro foi reelixido vogal do Comité Permanente

Ángel Gabilondo Pujol, reitor da Universidade Autónoma de Madrid, é o novo presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), en substitución de Juan A. Vázquez, reitor da Universidade de Oviedo. O relevo produciuse a principios desta semana no transcurso da Asemblea Xeral da CRUE desenvolvida en Madrid, na Universidade Complutense. A candidatura de Gabilondo contou cun respaldo de 58 votos dos 62 asistentes. O reitor de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro segue como vogal do Comité Permanente desta organización formada polas universidades públicas e privadas españolas, co obxecto de promover a reflexión sobre as finalidades e problemas universitarios, orientando os seus propósitos cara a creación dunha canle áxil, efectiva e representativa das Institucións españolas que facilite a cooperación mutua e con outras Conferencias de Reitores europeas.

Do novo Comité Permanente da CRUE, órgano que exerce as funcións propias da Asemblea Xeral nos casos de urxente necesidade, forman parte tamén, como vicepresidentes, Màrius Rubiralta i Alcañiz e Federico Gutiérrez – Solana Salcedo, reitores respectivamente das universidades de Barcelona e Cantabria. Tres reitoras acompañan a Senén Barro nas vogalías deste Comité, Adelaida de la Calle Martín, da Universidade de Málaga; Montserrat Casas Ametller, da Universitat das Balears, e Giménez-Salinas Colomer, da Ramón Llull.

Na mesma Asemblea Xeral, o pasado día 9, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas entregoulles sendas medallas de honor a Gregorio Peces Barba, ex reitor da Universidade Carlos III de Madrid e a Juan Ramón de la Fuente reitor da Universidade Autónoma de México, en recoñecemento das súas brillantes traxectorias académicas e da contribución ao mundo da educación superior.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.10.2007.