Ir o contido principal

O reitor compostelán asiste en Bogotá á reunión da Xunta Directiva de CINDA

O reitor da USC, Senén Barro, asiste estes días en Bogotá (Colombia) á 42ª reunión da Xunta Directiva do Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA). Nunha das sesións académicas programadas para este martes 29, Barro participará na xuntanza do Comité Científico do Informe sobre o rol da Universidade no desenvolvemento científico e tecnolóxico de Iberoamérica. Xunto ao reitor tamén asiste a directora da Área de Recursos de Apoio á Investigación, Sonia Martínez Arca, en calidade de responsable da perspectiva española do citado informe.
Ademais desta xuntanza, o reitor compostelán participará noutra sesión académica da Asemblea, na que se prestará atención ás políticas públicas de educación superior. Ademais e tamén dentro das actividades do reitor para esta viaxe, o mércores 30 Senén Barro participará na xuntanza na que se conformarán os grupos de traballo sobre os que se vai articular e desenvolver o proxecto CINDA-Universia.
CINDAO CINDA é unha rede de máis de 30 prestixiosas universidades de Europa, América Latina e o Caribe que desde 1972 promove a cooperación e o intercambio académico. O seu propósito inicial era de integrar as mellores universidades de América Latina nunha rede que se preocupara da relacións das institucións de ensino superior co desenvolvemento nacional dos seus respectivos países de orixe. Anos despois, en 1992 ampliouse a influencia de CINDA a universidades europeas.
Na actualidade, o propósito institucional deste colectivo oriéntase cara a proxectos basicamente dedicados á política e xestión universitarias. A incorporación dunha universidade a esta rede requírelle o cumprimento de selectivos requisitos, de maneira que as institucións membros de CINDA están consideradas entre as mellores no seu ámbito de actuación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.09.2009.