O reitor impuxo a Insignia de Ouro da USC a integrantes do equipo de dirección durante o seu mandato

O reitor Juan Casares impuxolle este luns 12 no Colexio de Fonseca a Insignia de Ouro da USC a integrantes do seu equipo de dirección ao longo dos catro anos do seu mandato. A Insignia de Ouro da Universidade de Santiago é o recoñecemento que concede o reitor a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución universitaria, ben por razón da duración ou continuidade destes ou pola súa especial relevancia ou significación. Recibiron esta distinción universitaria os vicerreitores de Investigación e Innovación, Francisco González García; de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde; de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo Montabes; o adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo, Pablo Ramil Rego; as vicerreitoras de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna, de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, e a adxunta para Estudos de Grao e Posgrao do Campus de Lugo, María Isabel González Rey; a secretaría Xeral, Lourdes Noya Ferreiro; a xerenta, Lourdes Batán Aira; e o comisionado para Ciencias da Saúde, Manuel Macia Cortiñas. Tamén recibiron a Insignia de Ouro o secretario xeral adxunto, Carlos Gómez Otero; as vicexerentas Mª Teresa Angulo Carballal, Concepción Novo Guerreiro e Carmen Varela Prado; e a directora da Escola de Doutoramento Internacional, Isabel Rodríguez-Moldes Rey. A distinción é un “signo de gratitude e recoñecemento ao traballo ben feito”, dixo o reitor Juan Casares en relación a quen compartiu con el a responsabilidade do goberno e a xestión da Universidade compostelá entre 2010 e 2014 e a quen agradeceu “a súa lealdade coa institución e co reitor” en “tempos difíciles e con moitas trabas, nos que houbo que reconducir moitos aspectos da xestión para facer unha universidade sustentable”.