Ir o contido principal

O reitor inaugura en Relacións Laborais o máster en Xestión de Recursos Humanos nas Organizacións

O reitor Juan Casares presidirá este venres 29 a inauguración da sétima edición do máster en Xestión de Recursos Humanos nas Organizacións, título propio da USC que se imparte na Escola de Relacións Laborais. Neste acto intervirán ademais o director da Escola, Juan Ares e os directores do posgrao, Carlos Javier Álvarez, Silvia Moscoso e Jesús Salgado. A inauguración comezará ás 11:00 horas no Salón de Graos do centro. A primeira intervención do programa docente impartiraa o ex director de Recursos Humanos do grupo Fenosa e letrado do Ministerio de Traballo José Mª Vázquez Pena cunha primeira reflexión sobre ‘Os recursos humanos hoxe’. O programa divídese en varios módulos conceptuais e un proxecto final que deberá propor unha intervención de recursos humanos nunha organización. Nos bloques temáticos, atenderase á dirección das organizacións e dos recursos humanos, á xestión integral dos procesos de recursos humanos, ao traballo e ao traballador, e ao desenvolvemento das habilidades de xestión dos recursos humanos.

Participan profesores de diversos departamentos da USC e doutras universidades, así como profesionais de recoñecido prestixio neste ámbito. O master está dirixido a titulados universitarios interesados neste ámbito e, preferentemente, aos titulados en Relacións Laborais, Psicoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Ciencias Políticas ou Enxeñarías, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2010.