O reitor inaugura este xoves a exposición Imprimitur sobre a historia do libro e a encadernación
O reitor Juan Casares presidirá este xoves 3 a inauguración da exposición ‘Imprimitur’ cuxa intención é realizar un percorrido pola historia do libro e da encadernación no centenario do nacemento de Julio Cortázar. O acto comezará ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca, onde permanecerá a mostra ata o 31 de maio. Os contidos que se exporán, procedentes da Biblioteca Xeral universitaria, do Obradoiro Penumbra e do Estudo Pep Carrió, organízanse arredor de tres bloques nos que se mostrará o libro como obxecto artístico ao longo do tempo, a encadernación contemporánea e os libros únicos e de artista e as novas tecnoloxías. Estes bloques temáticos complétanse coa exposición de ferramentas, obxectos, fotografías e montaxes de vídeo para achegarse ás tarefas que os artesáns e artistas deben executar para conseguir os resultados desexados. A inauguración de Imprimatur coincide coa celebración do congreso internacional ‘Editando para minorías na era dixital’ que inicia o seu programa académico tamén este xoves 3.