O reitor inaugura este xoves a exposición Imprimitur sobre a historia do libro e a encadernación

O reitor Juan Casares preside este xoves 3 a inauguración da exposición ‘Imprimitur’ cuxa intención é realizar un percorrido pola historia do libro e da encadernación no centenario do nacemento de Julio Cortázar. O acto comeza ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca, onde permanecerá a mostra ata o 31 de maio. No acto inaugural está prevista a presenza ademais da coordinadora de CampUSCulturae, Irene García; de Mª do Carme Villalba Caramés, en representación de Obradoiro Penumbra; da directora da Biblioteca Universitaria da USC, Mª Isabel Casal Reyes; e da directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insúa. Os contidos que se expoñen, procedentes da Biblioteca Xeral universitaria, do Obradoiro Penumbra e do Estudo Pep Carrió, organízanse arredor de tres bloques nos que se mostrará o libro como obxecto artístico ao longo do tempo, a encadernación contemporánea e os libros únicos e de artista e as novas tecnoloxías. Estes bloques temáticos complétanse coa exposición de ferramentas, obxectos, fotografías e montaxes de vídeo para achegarse ás tarefas que os artesáns e artistas deben executar para conseguir os resultados desexados. O libro, obxecto artístico Neste espazo de Imprimitir exhíbense encadernacións históricas do fondo da Biblioteca Universitaria da USC, o que permite observar a evolución deste compoñente editorial ao longo da historia. A proposta, emprazada na Sala do Artesoado do Colexio de Fonseca, abranguerá unha selección dos fondos históricos da USC segundo os criterios do responsable do mantemento dos fondos bibliotecarios Xosé R. Lema Bendaña. Encadernación contemporánea Este apartado da mostra intégrano 40 exemplares únicos que permiten o achegamento a encadernacións actuais, fieis ás técnicas tradicionais pero cunha proposta estética que tende pontes coa arte contemporánea e co emprego de novos materiais e formatos. A selección realizárona as responsables de Obradoiro Penumbra e Premio Nacional de Encadernación, Mª Carmen Villalba e Rosa Fernández Iglesias, quen ten realizado traballos para a Real Biblioteca de Madrid, a Biblioteca Nacional de España e a Academia Sueca. Libros únicos e novas tecnoloxías Esta terceira parte da exposición presenta o libro como soporte de propostas artísticas, nunha proposta na que se presenta unha selección de libros-escultura realizados en chumbo e en cartón arredor da obra de Julio Cortázar, autor do que se está a conmemorar en 2014 o centenario do seu nacemento, e outra dos cadernos e libros de artista do ilustrador, deseñador e editor mallorquino Pep Carrió, responsable do proxecto de exposición interactiva ‘Pensar coas mans’. Este último proxecto, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Valencia, permite ao/á visitante interactuar coa animación de libros de artista a través de tabletas ou smartphones. A inauguración de Imprimatur coincide coa celebración do congreso internacional ‘Editando para minorías na era dixital’ que inicia o seu programa académico tamén este xoves 3.