O reitor Juan Casares asistiu ao inicio de curso do Centro Superior de Hostalaría de Galicia

O reitor da USC Juan Casares asistiu ao acto de benvida que o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) organizou para os 400 alumnos que este ano cursan algunhas das titulacións ofertadas por este centro. A USC inclúe no seu abano de titulacións dous títulos propios vinculados ao CSHG, como son o Diploma en Xestión de Empresas Hostaleiras e o Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras. Concretamente, o primeiro deste dous foi un dos que mellor acollida tivo entre o alumnado na oferta para este curso, sendo xunto co Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, unha das titulacións do CSHG con lista de espera. Integrado na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, e vinculado á USC, o CSHG iniciou o seu labor docente en 1994 co obxectivo de satisfacer unha demanda do sector turístico e da hostalaría de Galicia. Na actualidade conta con 400 alumnos, futuros directivos hostaleiros, e máis de 1.700 antigos alumnos que traballan en establecementos galegos e españois, ademais de noutros 60 países.