Ir o contido principal

O reitor Juan Casares inaugura o Museo do Templo de Mitra na Casa do Saber do campus de Lugo

Visita da comitiva de autoridades polo Museo do Templo de Mitra
Visita da comitiva de autoridades polo Museo do Templo de Mitra

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, presidiu este martes a inauguración oficial do Museo do Templo de Mitra, que acubilla o xacemento romano achado no solar anexo á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, no transcurso dun acto celebrado no auditorio da Casa do Saber de Lugo, e na que tamén participaron o alcalde de Lugo, José López Orozco; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo.

O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, que dirixiu as escavacións feitas no devandito solar e que permitiron o achádego deste xacemento, que achega información relevante sobre a primitiva configuración espacial da cidade de Lugo ademais de aportar non poucos datos sobre as formas de vida e as crenzas da época, guiou unha visita guiada pola Domus do Mitreo, un percorrido pola historia da cidade de Lugo aberto á participación da nutrida comitiva de autoridades políticas locais, provinciais e autonómicas, así como aos responsables académicas e culturais presentes no acto. A inauguración do Museo do Templo de Mitra constitúe o colofón a un dilatado proxecto que comezou a xestarse a finais da década dos anos noventa do pasado século XX, logo de que a Universidade de Santiago adquirira en 1998 o Pazo de Montenegro para, unha vez rehabilitado e acondicionado, establecer nas súas dependencias a Casa do Saber. Esta actuación deu pé a unha posterior intervención arqueolóxica sobre un espazo de máis de 600 metros cadrados, logo dunha fase de sondaxe previa que deu resultados positivos. A escavación, feita e dirixida polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao, permitiu sacar a luz as primeiras evidencias que demostraron unha ocupación deste espazo e das súas inmediación desde época Alto Imperial (27 a.C-284 d.C.). Ao pouco de comezar os traballos apareceron os primeiros signos do trazado dunha gran Domus, conformada por una planta baixa, un patio enlousado e un primeiro piso. A esta estrutura temperá e primixenia uniríase xa en época Baixo Imperial (284 d.C- 476 d.C) unha serie de “ámbitos privados” acordes co estatus do señor da casa, un Centurión que aparece relacionado coa construción dun novo edificio anexo á domus e identificado por Celso R. Cao como un mitrhaeum ou mitreo, lugar de culto dedicado ao deus Mitra. Este edificio de culto, ten unha orientación de Norte/Sur e presenta una estrutura sinxela consistente nun espazo rectangular conformado por unha nave central bordeada lateralmente por cinco pilastras. No seu interior, atopáronse anacos dunh estatua de bronce e unha ara dedicada ao deus Mitra, cuxa transcrición é: “Ao nunca conquistado deus Mitra, G. Victorius Victorinus, centurión da Legión VII Gémina Antoniana, Devoto e Leal, con moito gusto, erixiu esta area na honra do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos seus libertos Victorius Secundos e Victorius Víctor”. Segundo os datos dos estudos xa realizados, a Domus do Mitreo é un dos poucos monumentos mitraicos achados en España que poden ser datados con fiabilidade no século III despois de Cristo e que mantén a súa funcionalidade un século despois.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2013.