Ir o contido principal

O reitor Juan Casares participou xunto aos seus homólogos españois na Xunta Xeral de Accionistas de Universia

O reitor da Universidade de Santiago asistiu en Murcia á XII Xunta Xeral de Accionistas de Universia, a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa formada por 1.232 institucións académicas de 23 países, entre elas a USC. Á reunión asistiron ademais os máximos representantes das 79 universidades que forman Universia España; o presidente de Universia e de Banco Santander, Emilio Botín; e a presidenta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Adelaida de la Calle. Na Xunta Xeral presentáronse as liñas de acción de futuro e analizáronse as actividades realizadas en 2011, entre as que destacan as dirixidas á incorporación ao mundo laboral de 330.568 universitarios e a realización de prácticas profesionais doutros 25.000 a través de Universia Emplea e en colaboración con universidades e empresas. Salientáronse tamén na xuntanza o OpenCourseWare que deu acceso a 1.776 materias, o Portal Global de Recursos con 26.000 cursos ou a Biblioteca de Recursos que incorporou máis de 15 millóns de arquivos de 213 coleccións. Emprendia Tamén no marco desta xunta de accionistas, a rede universitaria Iberoamericana de incubación de empresas, RedEmprendia, celebrou a súa asemblea xeral e a reunión da súa xunta directiva baixo a presidencia do catedrático da USC Senén Barro e coa asistencia do reitor Juan Casares. Esta é a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa, coa participación de vinte universidades de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal e a División Global Santander Universidades. Na xuntanza realizouse balance das actividades desenvolvidas ademais de definir novos obxectivos. En 2011, a rede apoiou a máis dun centenar de emprendedores a través de actividades de formación, apoio á posta en marcha da súa idea empresarial ou a consolidación de empresas xa creadas. Este labor dá continuidade a traxectoria dos cinco anos anteriores de actividade, nos que as accións de RedEmprendia se materializaron en máis de 600 empresas xurdidas do ámbito das universidades asociadas e miles de empregos altamente cualificados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2012.