Ir o contido principal

O reitor Juan Casares presenta este mércores as instalacións da nova sede da Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, visitará este mércores a nova sede da Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo, sita na Rúa Montirón do polígono lucense de Sanfiz, no transcurso dunha xornada de portas abertas para dar a coñecer ao tecido empresarial, en particular, e á sociedade en xeral, as prestacións para usos científicos e tecnolóxicos que ofrecen estas novas instalacións da Universidade de Santiago.

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; a directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa, e o tenente de alcalde de Infraestruturas e Medio Rural do Concello de Lugo, Manuel Chaín, xa confirmaron a súa presenza nesta visita, na que tamén estará representada a Deputación Provincial de Lugo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil, ademais de distintos profesores e investigadores do campus de Lugo, tamén asistirán á presentación da nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC, un acto aberto tamén ao tecido empresarial. O coordinador da Aula de Produtos Lácteos da USC, o profesor Juan Méndez Dónega, será o encargado de explicar aos presentes as singularidades das novas instalacións, así como as actividades que nelas se pretenden desenvolver e as posibilidades que abren no eido da I+D+i.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2014.