Ir o contido principal

O reitor Juan Viaño despide a primeira promoción de graduados en Nutrición Humana e Dietética da USC

Ageitos, Orozco, Viaño, Santos e  Díaz, na Facultade de Ciencias
Ageitos, Orozco, Viaño, Santos e Díaz, na Facultade de Ciencias
As 21 persoas que remataron a súa formación de grao no período 2010-2014 recibiron as becas e diplomas nunha cerimonia celebrada na Facultade de Ciencias de Lugo

As 21 persoas tituladas da primeira promoción do grao en Nutrición Humana e Dietética da Facultade de Ciencias do campus de Lugo simbolizaron este venres o remate da súa formación universitaria cunha cerimonia de graduación que estivo presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, que trasladou os seus parabéns aos novos graduados/as, así como ao colectivo de docentes que, desde 2010 contribuíron co seu esforzo a poñer en marcha e consolidar unha titulación nova na USC e no Sistema Universitario Galego e que, catro anos despois, segue a rexistrar unha elevada demanda e presenta unha das notas de corte máis altas dos títulos impartidos no campus de Lugo.

O representante dos alumnos/as, o novo graduado en Nutrición Humana e Dietética Fernando Rodríguez Sánchez, abriu a quenda de intervencións cunha lembranza das experiencias vividas no período 2010-2014 na Facultade de Ciencias de Lugo. Ao seu remate, os profesores Jesús Casabiell Pintos e Beatriz Vázquez Belda, designados polos estudantes como padriño e madriña, respectivamente, desta primeira promoción, eloxiaron o esforzo e o bo traballo feito polos novos titulados/as durante o seu período de formación, para logo encomendarlles que, a través do seu exercicio profesional, poñan en práctica os coñecementos adquiridos e traballen a prol dunha titulación “ata fai pouco tempo descoñecida, pero que ten moito futuro por diante e que está chamada a cobrar unha importancia crecente”. Unha vez rematadas as intervencións, o secretario da Facultade de Ciencias do campus de Lugo, Antonio Rumbo, citou nomeadamente aos novos graduados/as en Nutrición Humana e Dietética, que recibiron cadanseu diploma e as súas becas de graduados. O alcalde de Lugo, José López Orozco; o deputado provincial delegado da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos; a coordinadora do grao en Nutrición Humana e Dietética da USC, Olga Díaz Rubio, e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, tamén interviron nesta cerimonia académica de graduación. A “xornada de festa”, segundo dixo o reitor Juan Viaño, e de despedida da primeira promoción do grao en Nutrición Humana e Dietética da USC congregou no salón de actos da Facultade de Ciencias un nutrido grupo de profesores implicados na docencia deste título, así como numerosos familiares e amigos dos novos graduados/as. Graduados/as, docentes e asistentes á cerimonia de graduación da primeira promoción de do grao en Nutrición Humana e Dietética Graduados da primeira promoción de titulados en Nutrición Humana e Dietética egresada da Facultade de Ciencias da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2014.