Reitor e ministro de Universidades afondan nos retos de futuro do sistema universitario

O reitor Antonio López e o ministro de Universidades Joan Subirats mantiveron unha xuntanza este luns 21 no Centro de Estudos Avanzados da USC na que abordaron diversas cuestións relativas á internacionalización, financiamento do sistema universitario, equilibrio entre docencia e investigación, oferta académica ou a atención á saúde mental, entre outros asuntos. Subirats foi recibido polo reitor e os demais integrantes do equipo de goberno —tanto do equipo entrante como do saínte— para, xusto a continuación, asinar no Libro de Honra da institución. Despois desta primeira xuntanza, desenvolveuse unha reunión de traballo á que foron convidadas as persoas que integran o Consello de Goberno da USC.
Antonio López e Joan Subirats aproveitaron a reunión de traballo para profundar na internacionalización derivada dunha aceleración do Espazo Europeo de Educación Superior que permite fornecer redes de colaboración cara a unha maior mobilidade de estudantes e profesorado. No encontro, tamén se debateu sobre a vontade de que o financiamento do ensino superior pase dunha media do 0,7% ao 1% do PIB.
O equilibrio entre docencia e investigación, cunhas pasarelas axeitadas entre a Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e a Lei da Ciencia; ou incrementar a oferta docente para captar máis alumnado maior de 25 anos, foron outras das cuestións tratadas na xuntanza, así como a protección da saúde mental do estudantado. Neste último ámbito, abordouse a necesidade de acometer liñas de axuda psicolóxica e mentoring como vías para reducir a taxa de abandono, á vista de que durante a pandemia afectou de xeito importante a estudantes con menos recursos económicos.
A reunión tamén puxo o foco na importancia de poñer en valor a presencialidade que tan afectada se viu pola pandemia, así como o concepto de ciencia aberta e ciencia cidadá, como motor de transferencia que permita que o coñecemento aterre na mellora da calidade de vida da cidadanía. Xa en quenda de tarde, o ministro mantivo unha xuntanza cos tres reitores do Sistema Universitario Galego (SUG).



