O reitor preside o acto de recoñecemento aos mellores estudantes nas probas de avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade
O reitor Antonio López Díaz presidirá este mércores 4 o acto de recoñecemento aos estudantes que acadaron os mellores expedientes dos centros de ensino medio de Galicia. A sesión comezará ás 18.00 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e contará coa participación ademais do alcalde do concello de Santiago de Compostela Martiño Noriega Sánchez. Son un total de 704 estudantes pertencentes a 201 centros de toda Galicia, 265 rapaces e 439 rapazas cunha nota media de 9 ou máis entre o Bacharelato e a fase xeral da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
Na mesa, ademais dos vicerreitores e vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo; de Investigación e Innovación; Comunicación, Cultura e Servizos; e de Estudantes e Internacionalización, participarán tamén o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella Torrón; o coordinador do programa A Ponte do Campus de Lugo, Javier López González, e o director do IES A Sangriña, Carlos Alonso Rey.
A sesión comezará coa intervención de Lidia González Teijido, estudante do IES Concepción Arenal de Ferrol que tomará a palabra en representación do alumnado, a quen seguiráo director do IES A Sangriña, para dar paso á entrega de diplomas conmemorativos. As palabras do alcalde, primeiro, e posteriormente as do reitor pecharán a xornada.