O reitor preside os premios ‘Rosalía de Castro’ do Centro PEN de Galicia
O reitor Juan Casares entregou os premios ‘Rosalía de Castro’ do centro PEN de Galicia nunha cerimonia que se celebrou no Salón Nobre de Fonseca e que serviu para recoñecer o traballo de catro autores en lingua castelá, portugués, catalán e vasco, Claudia Piñeiro, Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos (Pepetela), Antoni Serra e Kirmen Uribe Urbieta, respectivamente. Durante o acto, o reitor, destacou a honra que para a USC é acoller a entrega destes premios cando se cumpren ademais 25 anos de creación da división galega do PEN e deu a noraboa tanto aos integrantes do club como aos membros da directiva, animandoos a que “continúen con esta andaina, que tanto servizo fai á literatura”. Asemade, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, felicitou ao Pen por esta "magnífica iniciativa", así como á USC por acoller ano tras ano este tipo de acto. O xurado, formado por Luís González Tosar, Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xosé Lois García e Xabier Castro Martínez, destaca dos gañadores desta edición diferentes aspectos da súa creación artística. Claudia Piñeiro, que non puido acudir ao acto por motivos de saúde, é escritora, dramaturga e guionista de televisión de Arxentina e a súa obra destaca por ser a expresión da emigración, sendo ela filla de galegos. Recolleu o premio no seu nome o alcalde de Porto do Son, quen adiantou que o Concello xa comezara os trámites para nomear filla adoptiva a Claudia Piñeiro. Premiado en língua portuguesa, Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos, máis coñecido como Pepeleta é angolano, sociólogo e profesor da Universidade Agustinho Neto de Luanda. En 1997 foi Premio Camões. Outro dos recoñecidos co premio é Antoni Serra, escritor e xornalista mallorquín cunha dilatada actividade en xéneros diferentes e con múltiples publicacións en formato libro e en xornais. En 1977 foi un dos fundadores da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana. Kirmen Uribe Urbieta é escritor natural de Ondárroa. Foi premio nacional de Literatura e a súa obra, en lingua vasca, está traducida a máis dunha ducia de idiomas, entre eles o inglés, francés, ruso e xaponés. 25 aniversario Esta edición dos premios ‘Rosalía de Castro’ enmárcase nas celebracións polos 25 anos do Centro PEN Galicia, fundado en maio 1989. Os premios que levan o nome da escritora galega foron instituídos en 1996, cando presidía ao órgano convocante Carlos Casares. O PEN Club de Galicia é a sección galega do PEN Internacional composto por escritores en lingua galega. O PEN Internacional é a única sociedade mundial de escritores que conta con máis de quince mil poetas, ensaístas e narradores e 138 centros en 98 países. O seu principal obxectivo é promover a cooperación internacional e a tolerancia mutua entre escritores para destacar o papel da literatura como transmisora da memoria dos pobos, así como loitar contra a censura política e defender os dereitos dos creadores.