O reitor presidiu en Braga unha xuntanza do Padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presidiu este martes 30 en Braga a xuntanza do padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER). A xuntanza celebrouse na Universidade de Minho onde o reitor compostelán foi recibido polos vicerreitores da institución académica portuguesa Manuel Mota e Leandro da Silva.
Na súa estadía en Braga, o reitor compostelán participou ademais na inauguración do módulo da Universidade de Minho sobre ‘Eurorrexión e Cooperación Internacional’, enmarcado no curso “Integración e Desenvolvemento Eurorrexional”.
As sesións académicas deste curso, que forma parte do proxecto ‘Campus Universitario en Rede Galicia Norte de Portugal’, permitirán unha actualización de coñecementos no eido da realidade xurídica, social, económica e empresarial da eurorrexión dentro da Unión Europea. Con este curso trátase de impulsar a formación de excelencia de técnicos universitarios especializados na formulación e xestión de proxectos europeos na zona de Galicia e do norte de Portugal.
As clases, financiadas pola Unión Europea, agrúpanse en seis módulos, cada un impartido nas Universidades de Santiago, Vigo, Porto, Coruña, Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro.
A Fundación CEERA Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal ten por obxectivo fundamental impulsar a cooperación académica entre as seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal, así como destas coas institucións políticas e cos actores locais a través do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, todos estas institucións integrantes da Fundación.