O reitor propón a José Manuel Villanueva Prieto como xerente da USC

O reitor Juan Viaño proporá a José Manuel Villanueva Prieto, ata agora xefe da Área de Calidade e Mellora de Procedementos da USC, como xerente da institución, segundo informou este venres no Consello de Goberno celebrado en San Xerome. O seguinte paso para formalizar este nomeamento será o seu debate no Consello Social da institución, o próximo luns 30. Como se recolle nos Estatutos da USC, o cargo de xerente é proposto polo reitor nomeado por este, de acordo co Consello Social, entre titulados e tituladas superiores con recoñecida competencia e experiencia no ámbito da xestión. Deste nomeamento será informado tamén o Claustro Universitario. José Manuel Villanueva Prieto xa ocupara con anterioridade o posto de xerente da institución académica compostelá entre 1988 e 1990, sendo reitor Carlos Pajares Vales, e xerente en funcións de 2003 a 2005 co reitor Senén Barro Ameneiro. Ademais, foi concelleiro de Santiago e xerente do Consorcio de Santiago de Compostela. Novas titulacións Na xuntanza celebrada este venres, o Consello de Goberno decidiu continuar co proceso iniciado para o deseño de dous novos graos que incorporar á súa oferta de titulacións no curso 2015-2016, concretamente os graos de Biotecnoloxía e o de Enxeñaría Biolóxica. Por outra banda, decidiuse que pasen á fase de exposición pública para realizar achegas os másteres en Biodiversidade e medioambiente; en Xeociencias; en Xestión Administrativa; en Natureza, cultura, política e tecnociencia; e en Innovación e Investigación Escolar. Na oferta de posgrao propio, o Consello de Goberno aprobou a implantación de catro novos, os másteres en Industria musical e en Avaliación e intervención psicopedagóxicas, e os cursos de especialización en Seguridade Internacional e en Dereito do deporte. Por último, o Consello decidiu sumarse xunto coas outras dúas universidades galegas á declaración institucional polo Día Internacional do Orgullo Lésbico, Gai, Transexual, Bisexual e Intersexual, manifestando así a súa firme defensa pola igualdade de todas as persoas e o rexeitamento a calquera tipo de discriminación por razóns de orientación sexual ou identidade de xénero.