Ir o contido principal

O reitor recibiu aos participantes na terceira edición da escola de doutoramento da rede internacional IDPASC

Na escola participaron 40 alumnas e alumnos das distintas institucións participantes neste rede IDPASC. Foto: Alfonso-Servimav
Na escola participaron 40 alumnas e alumnos das distintas institucións participantes neste rede IDPASC. Foto: Alfonso-Servimav
Participan 40 alumnos e alumnas para seguir un programa que cubre unha gran parte dos temas fundamentais e máis actuais da Física de Partículas, da Astrofísica e da Cosmoloxía

O reitor Juan Casares recibiu este venres 1 de febreiro aos participantes da terceira edición da escola de doutoramento da rede internacional IDPASC (International Doctorate Network in Particle Physics, Astrophysics and Cosmology) que ao longo das dúas últimas semanas se desenvolveu en Compostela. Participaron 40 alumnas e alumnos das distintas institucións participantes neste rede, entre as que se atopa a USC a través do seu programa de doutoramento en Física Nuclear e de Partículas. A rede IDPASC constituíuse en 2010 e reúne a varias universidades portuguesas, italianas, francesas e españolas, ademais de ao CERN. A escola, cuxo comité organización preside o profesor Carlos Merino, toma o relevo da celebrada o pasado ano na cidade italiana de Udine, organizada polo International Center for Mechanical Sciences (CISM) en 2012. O propio profesor Merino e Máximo Pló –tamén docente da USC- son membros permanentes do Consello Académico de IDPASC, aos que se suman María del Carmen Fernández Gómez, da USC, e Sandra Dias, do LIP de Lisboa, como responsables da parte administrativa da organización da escola. O programa da escola cubre unha gran parte dos temas fundamentais e máis actuais da Física de Partículas, da Astrofísica e da Cosmoloxía, con cursos dedicados a Quantum Chromodynamics, Theoretical and Phenomenological Aspects in Hadronic Physics, Physics and Technology of ALICE (Experiment in Heavy-Ion Physics), LHCb-Physics Parity Violation, Numerical Methods and Data Analysis in Particle Physics, Theory and Experiments in Cosmic Rays, Theoretical Cosmology, AdS/CFT (Meaning and Consequences of the Maldacena Conjecture), Higgs System in and beyond the Standard Model, and Higgs Searches at the LHC. Cada un destes módulos foron impartidos por especialistas de prestixio internacional, como os profesores Carlos Pajares (USC) e Néstor Armesto, ambos os dous da USC; Yuli M. Shabelski (PNPI-St.Petersburg) e Carlos Merino (USC); Mateusz Ploskon (LBL-CERN); Gustavo Castelo-Branco (IST-Lisboa); Micahel Williams (MIT-LHCb); Mario Pimenta (IST-Lisboa) e Alessandro de Angelis (Università de Udine); Antonio López Maroto (Complutense de Madrid); Alfonso Vázquez Ramallo (USC); María José herrero (UAM-IDT); e Cibrán Santamarina (USC). IDPASC busca a preparación de científicos nas áreas de Física de Partículas, Astrofísica e Cosmoloxía, promovendo programas conxuntos de formación e reforzando a mobilidade de estudantes, docentes e investigadores das distintas institucións participantes. O seu labor está avalada pola supervisión dun Comité Científico Internacional que conta con científicos de prestixio internacional, entre os que se atopan o catedrático Carlos Pajares Vales. En IDPASC participan actualmente, entre outras o Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN); o programa de doutoramento das universidades do Minho, Aveiro e Porto de Portugal (MAP_Fis); a Facultade de Ciências e Tecnologia da Universidade de Coimbra, o Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa e as universidades portuguesas do Algarve, Évora e de Lisboa; a Universidade París Diderot (París VII) de Francia; a Universidade de Udine, Italia; e as de Granada, Valencia e de Santiago de Compostela. O reitor recibiunos este venres no Salón de Graos. Foto: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2013.