O reitor recibiu o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia

O reitor da USC, Juan Viaño, recibiu este luns no seu despacho de San Xerome o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo. A institución docente compostelá imparte o Grao en Enxeñaría Informática e os Másteres Universitarios en Computación de Altas Prestacións e en Tecnoloxías da Información. Na xuntanza, Fernando Suárez congratulouse pola aposta do reitor compostelán a prol das Tecnoloxías da Información e a Comunicación como “elementos tácticos e estratéxicos para a USC” á vez que dixo compartir o desexo dunha maior consolidación e innovación delas para poder adaptarse ás tendencias actuais. Esta é a primeira xuntanza de Viaño –á que asistiu tamén o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira– con este colexio profesional, toda vez que o máximo responsable da USC mostrara a súa preocupación e interese no ámbito das TIC como área estratéxica non só no ámbito universitario senón tamén económico e social.