Ir o contido principal

O reitor recibiu unha representación de bolseiros da Cátedra Inditex

De esquerda a dereita, Mirza Wasfi, Santiago Fernández, Mymanah Akter, Juan Viaño, Pilar García, MD Elias Uddin e Carlos Piñeiro. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Mirza Wasfi, Santiago Fernández, Mymanah Akter, Juan Viaño, Pilar García, MD Elias Uddin e Carlos Piñeiro. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño recibiu este mércores unha representación de bolseiros da Cátedra Inditex, actualmente realizando unha estadía en España. No encontro celebrado na Reitoría da USC participaron os bolseiros Mymanah Akter Mony, MD Elias Uddin e Mirza Wasfi Jabber, así como o director da Cátedra, o profesor Santiago Fernández Mosquera; a vicerreitora de Internacionalización da Universidade da Coruña, Pilar García; e Carlos Piñeiro, do departamento de Responsabilidade Social Corporativa de Inditex.

Un total de 483 alumnos e alumnas repartidos en 25 grupos de diferentes niveis participaron durante 2015-2016 nas actividades da cátedra, ao que se suma este ano outro grupo de 40 estudantes matriculados no grao de Inglés como lingua estranxeira da Universidade de Dhaka. O abano de actividades docentes compleméntase coas de natureza cultural como os tres seminarios sobre gramática, música española e fotografía programados, ademais de dous ciclos de cine, comedia e cine arxentino. Neste mesmo senso, tamén se organizou unha xornada o 15 de novembro de 2015 para conmemorar o 400 aniversario da publicación de El Quijote.

Aproveitando o aniversario da obra de Cervantes, o grupo de teatro Laboratorio Escénico Univalle da Universidade do Valle (Cali, Colombia) impartiu dous obradoiros teatrais destinados a estudantes do Departamento de Teatro da universidade de Dhaka e aos membros da Asociación Bangladesí de Actores. O mesmo grupo ofreceu tamén dúas representacións dunha versión de El coloquio de los perros cunha grande éxito de asistencia. A iniciativa permitiu que por vez primeira se mostrase teatro clásico en español tanto en Dhaka como en Bangladesh.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2016.