Ir o contido principal

O reitor recibiu aos titulados en Medicina da USC cos mellores expedientes do exame MIR deste ano

A recepción tivo lugar no Salón de Graos de San Xerome (Foto: SERVIMAV)
A recepción tivo lugar no Salón de Graos de San Xerome (Foto: SERVIMAV)

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, recibiu este xoves en San Xerome aos sete titulados e tituladas da USC que se situaron entre os 100 primeiros postos da última convocatoria de Médico Interno Residente (MIR). Na recepción participaron tamén o decano e o vicedecano da Facultade de Medicina e Ondontoloxía, Juan Jesús Gestal Otero e Víctor Arce, respectivamente. Os estudantes, que dispoñen de mes e medio a partir de agora para escoller especialidade, recibiron de mans do reitor un libro da historia da Facultade compostelá de Medicina no século XIX. Ademais, entre eses cen primeiros a maioría dos da USC atópanse entre os 50 que encabezan a lista. Son Sara González Porto (posto 6), Nicolás Maneiro Melón (16), Carlos Fernández Baltar (18), José María Larrañaga Moreira (34) e Patricia Pardo Martínez (36). Patricia Rodríguez Iglesias e Lorena Martínez Leboráns ocuparon os postos 55 e 94, respectivamente. A USC sitúase así, xunto coa Central de Barcelona, a Autónoma de Madrid, a de Navarra e a Autónoma de Barcelona, entre as cinco cos mellores resultados de toda España. Para Juan Gestal isto é algo significativo tendo en conta que a de Santiago, con 365 anos de Historia, “ten unha envergadura moito menor que algunhas delas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2013.