Ir o contido principal

O reitor reuniuse co presidente do Consello Económico e Social para falar da situación económica da USC

O reitor Senén Barro mantivo recentemente unha xuntanza co presidente do Consello Económico e Social (CES), Pablo Egerique, para explicarlle a situación económica da Universidade compostelá diante do Proxecto de Lei de Orzamentos que se está a tramitar no Parlamento de Galicia. O encontro prodúcese días despois de que o responsable universitario tratase o mesmo asunto cos portavoces parlamentarios dos tres grupos.
Segundo manifestou Barro na xuntanza, a pesar de que os recursos que se achegan ás universidades no marco do actual Plano de Financiamento diminuíron un 2,5%, “na práctica os que se achegan con carácter non finalista redúcense arredor do 5,5%”. Isto supón que as Universidades galegas recibirán en 2010 uns 20 millóns de euros menos de recursos non finalistas que no 2009, “dos que á USC lle corresponden aproximadamente uns 9 millóns”.
Ademais, para 2010 elimínanse as achegas engadidas á USC no exercicio 2009 para atender ó seu perfil de actividade e circunstancias específicas. E, se a iso se engade unha previsión de diminución dos ingresos por matrícula, debido fundamentalmente á conxelación das taxas, “a caída conxunta dos ingresos da USC o vindeiro ano respecto dos ingresos de 2009 rondará os 14 millóns de euros”, advirte.
Perante esta situación, para o reitor compostelán a “única” posibilidade de manter a actividade da USC en 2010 sería prorrogando os orzamentos de 2009, “coa conseguinte contracción de gasto”. “Resulta imposible”, matizou, poder afrontar a realización dun orzamento equilibrado coas previsións actuais de recursos, “máxime cando dende 2002 a USC vén desenvolvendo un Plan de Equilibrio Económico Financeiro que supuxo na práctica una redución do gasto nunha cantidade próxima aos 20 millóns de euros”. O “drástico recorte” introducido nos últimos anos eliminou marxe para novos recortes de gasto “sen afectar de forma irresponsable e irremediable á actividade”, argúe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2009.