O reitor Senén Barro clausura este venres o 2º Congreso Internacional de Educación Superior en Ciencias Farmacéuticas
O reitor da USC, Senén Barro, presidirá este venres 18 o acto de clausura do 2º Congreso Internacional de Educación Superior en Ciencias Farmacéuticas que, ao longo de tres días, reuniu en Santiago a preto de 150 especialistas procedentes de universidades de toda España así como de Brasil, Chile, Francia, México e Portugal. A clausura oficial do congreso celebrarase a partir das 14:00 horas na Aula Magna da Facultade de Farmacia e nela estará presente ademais a vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, Mª Dolores Álvarez Pérez.
As intervencións, un total de 29 comunicacións orais e 51 pósteres, que se presentaron profundaron en cuestións relacionadas coas particularidades do Espazo Europeo de Educación Superior, coas metodoloxías para o cambio en educación superior farmacéutica e con experiencias docentes neste ámbito.
No relativo ao EEES, as intervencións permitiron reflexionar sobre a relación entre o proceso de Bolonia e a educación superior farmacéutica, o desenvolvemento dos graos e posgraos neste ámbito, a formación continua en Farmacia, o control de calidade na educación superior ou sobre o proceso contemplado dende o punto de vista dos alumnos. No bloque relativo ás metodoloxías docentes os asistentes entraron en contacto co uso das plataformas dixitais como apoio á docencia, con diversas estratexias pedagóxicas que incidan tanto no traballo autónomo como en equipo, coa titoría universitaria e coa planificación e avaliación por competencias. Finalmente, o programa preocupouse tamén de incidir no desenvolvemento de proxectos de innovación e calidade, de novos materiais didácticos ou de experiencias de innovación docente.
Este congreso conta coa patrocinio do Ministerio de Educación, das consellarías de Educación e de Innovación, da Obra Social Caixa Galicia, de COFARES, do Consejo General de Colegios de Farmacéuticos de España, do Concello de Santiago, do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, das vicerreitorías de Calidade e de Oferta Docente, así como do propio centro compostelán.