Ir o contido principal

O reitor Senén Barro presentou os detalles do proxecto Campus de Lugo 2015

Recreación infográfica dunha vista parcial do Campus logo da execución do proxecto
Recreación infográfica dunha vista parcial do Campus logo da execución do proxecto
Acompañado do alcalde de Lugo e do presidente da Deputación Provincial, deu conta dos detalles deste proxecto que pretende reforzar a capacidade do Campus lugués na investigación e a docencia

O reitor da USC, Senén Barro, presentou este venres 5 o proxecto de desenvolvemento do Campus de Lugo co horizonte posto no ano 2015. Nun acto celebrado na Vicerreitoría luguesa, estivo acompañado do presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e do alcalde da cidade, Xosé Clemente López Orozco. Tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación do Campus, Carlos Herrero, e de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel Vázquez Taín.
Campus de Lugo 2015, denominación do plan presentado, pretende consolidar a oferta docente existente e desenvolver a nova de forma axeitada, así como incrementar o potencial investigador e de emprendemento xa demostrado ata o de agora. “Atópamonos –lembrou o reitor- no máis desenvolvido dos campus non centrais do Sistema Universitario Galego, cunha oferta docente da que se benefician máis de 6.000 estudantes e cunha capacidade investigadora, uns servizos e unha infraestruturas moi importantes, sensiblemente reforzadas nos últimos anos”.
O desenvolvemento do plan implicará, entre outras actuacións, a construción de novos edificios de servizos e para centros singulares de investigación, a Escola de Enxeñaría Civil ou un pavillón polideportivo. Ademais suporá unha modificación substancial do urbanismo na principal arteria de entrada á cidade, o que permitirá amosar “un Lugo milenario e, ao tempo, moderno e atractivo para estudar, investigar ou investir”, subliñou Barro.
Dáse continuidade así ás intervencións desenvolvidas no Campus lugués entre 2002 e 2010, valoradas en máis de 21 millóns de euros e en máis de dez para equipamento científicos. Entre elas a sede do IBADER, o edificio CACTUS, as novas instalacións da Facultade de Ciencias, a Estación de Bioloxía do Courel ou o Museo e Casa do Coñecemento, anexo á Vicerreitoría.
“Ben organizado e harmónico”, subliñou o reitor ao referirse á distribución do campus lugués, en 2015 contará coa incorporación dunha serie de novas parcelas a través dun proceso de expropiación de máis de 25.000 metros cadrados que será realizado e financiado pola Deputación de Lugo. Segundo indicou Senén Barro, neste senso xa se atopa en fase de redacción o proxecto de execución da futura Escola de Enxeñaría Civil. O resto de actuacións están vinculadas á incorporación do solo a expropiar. Serán un conxunto de intervencións que completarán o abano de servizos do Campus, establecendo instalacións deportivas propias e, sobre todo, reforzando os espazos e medios para a investigación, a transferencia e o emprendemento.
Ademais, o proxecto suporá a integración no perímetro do Campus dunha finca de prácticas de 13.000 metros cadrados, recentemente cedida polo Concello e que se irá incorporando na medida en que se vaia dispoñendo do solo previsto para a ampliación do Campus no PXOM e que suporá un incremento adicional de máis de 30.000 metros cadrados na superficie total do Campus.
É un conxunto de iniciativas que conforman un “ambicioso proxecto” xa en execución que permitirán a Lugo “seguir desenvolvéndose dun modo importante nos próximos anos” e que “acentuará o seu papel como un dos principais campus do Estado no seu ámbito de especialización”, concretou Senén Barro. Este desenvolvemento concretarase “sobre todo na investigación, a transferencia e o emprendemento”, engadiu, “aproveitando o impacto da actividade investigadora do medio centenar de grupos de investigación e as importantes infraestruturas de investigación xa dispoñibles”.
CooperaciónEn Campus de Lugo 2015 conflúe a implicación da USC, Deputación e Concello de Lugo, colaboración institucional que redundarán no beneficio do Campus tanto no relativo á docencia como á investigación, e que representa “unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico da cidade, da provincia e do conxunto do país, sobre todo no sector primario, tan necesitado da inxección de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2010.