O reitor Senén Barro valora positivamente a declaración da corporación municipal sobre a USC
A Corporación Municipal de Santiago de Compostela acordou este luns nunha resolución conxunta apoiar a Campus Vida “como un proxecto de Galicia” e solicitar o compromiso de todas as administracións públicas “para garantir o seu pleno desenvolvemento”.
O reitor Senén Barro mostrou a súa satisfacción polo acordo asumido por todas as forzas políticas do Concello compostelán e polo compromiso das administracións, entre elas a Xunta de Galicia, con este proxecto de excelencia internacional.
MedicinaNa mesma resolución exprésase ademais a oposición a “calquera iniciativa orientada á división ou segregación da titulación de Medicina no ámbito da USC” apoiando así todas as accións encamiñadas á defensa “da súa integridade e do servizo público que presta a Galicia·”.
Para a corporación municipal, a división ou segregación do ámbito da USC suporía “unha ruptura dos principios do mapa de titulacións aceptados no momento histórico da segregación” no que a Universidade de Santiago renunciou a outros títulos para manter en exclusiva a docencia de medicina.
Ademais, continúa a resolución, formular unha división do ensino da medicina en momentos de crise como os actuais “só contribuirá a empobrecer un sistema que vén demostrando dende hai séculos unha probada eficacia e solvencia tanto nos apartados da investigación como nos da docencia”.
“Un dos piares do prestixio universal da USC é o ensino da medicina, que cunha hipotética división ou segregación ademais de supor un aumento dos gasto, produciría unha diminución da eficacia e da calidade”, conclúe o documento.