O reitor da USC, Antonio López, inaugura este mércores na EPS de Enxeñaría de Lugo o XII Congreso e Economía Agraria

O reitor da USC, Antonio López Díaz, inaugurará este mércores 4 de setembro, ás 17.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, o XII Congreso de Economía Agraria, un foro científico de carácter estatal que reunirá ata o 6 de setembro a máis de 200 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, tamén intervirá na apertura oficial deste foro, unha sesión na que tamén participarán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca; os co presidentes da Asociación Española de Economía Agraria (AEEA), Tomás García-Azcárate e Raúl Compés López, e o presidente do Consello Reitor de Cajamar, Eduardo Baamonde Noche.
A duodécima edición deste congreso de periodicidade bienal da Asociación Española de Economía Agraria xirará arredor de tres mesas plenarias, nas que un total de 11 relatores de recoñecido prestixio tratarán cuestións ligadas á sostibilidade e retos do sector leiteiro, á ordenación e fórmulas de produción do territorio rural, así como á dinamización deste sector primario a través da cooperación e dos clústeres agroalimentarios interesados na promoción de iniciativas innovadoras e sostibles. O programa do congrego inclúe asemade a presentación de 159 comunicacións e máis dunha decena de pósteres.
Sesións plenarias
As tres sesións plenarias deste congreso serán retransmitidas por streaming e poderán seguirse pola canle de YouTube do Campus Terra da USC, do mesmo xeito que os actos de inauguración e clausura. A primeira destas plenarias, que xirará arredor da sostibilidade e dos retos do sector leiteiro, desenvolverase este mércores, ás 18.30 horas, e estará moderada polo profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro. Intervirán como relatores Christophe Perrot, do Institut de l´Élevage de París, e Luis Calabozo, director Xeneral de FeNIL Benoît Rouyer. Centre National Interprofessionlle de l’Économie Laitière.
O Territorio rural máis alá da produción: intensificación, límites físicos e medio ambiente centrará a temática da plenaria programada para o xoves, ás 11.00 horas. David Soto, da USC, será o encargado de moderar esta sesión, na que intervirán José Manuel Naredo, profesor honorario da Politécnica de Madrid, e Gloria Guzmán, da Universidade Pablo de Olavide. A plenaria do venres 6 de setembro leva por título ‘Cooperación e clústeres agroalimentarios para promover a innovación e a sostibilidade’. A profesora da Universidade Pública de Navarra actuará como moderadora dun foro no que intervirán o profesor e investigador universitario do Reino Unido Davide Parrilli Bournemouth, Juan Vázquez Gancedo, do Clúster Agroalimentario de Galicia; Sandra Aguirre, xerente de Nagrifood (Clúster Agroalimentario de Navarra), e María Teresa Ambrós Mendioroz, da Subdirección xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio de Agricultura.
Obxectivos
O XII Congreso de Economía Agraria ten como obxectivo salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven. A celebración deste evento científico no campus de Lugo, permitirá abordar este debate desde a perspectiva atlántica e sen obviar a fraxilidade das áreas que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar de tratarse de enclaves con potencialidades para a creación de riqueza.
A celebración deste congreso no Campus Terra da USC, a sede da USC que avanza na súa especialización no aproveitamento e na posta en valor de toda a riqueza e das potencialidades que ofrece todo o relacionado coa terra e o territorio, permitirá asemade estimular a investigación sobre o futuro das políticas agrarias e, en particular, da Política Agraria Común (PAC) da próxima década. Á relevancia deste congreso cómpre sumar tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa, cuxa actividade docente e de I+d+i pivota en grande medida sobre a actividade agrogandeira e as súas industrias derivadas, características que fan do campus de Lugo un enclave acaído para o encontro, o diálogo e a transferencia de coñecemento.
O Congreso de Economía Agraria da AEEA chega a Lugo logo dunha xa dilatada andaina que botou a andar en 1992 en Zaragoza, tomando o relevo das denominadas Reunións de Estudo celebradas ata entón pola citada asociación. Entre 1992 e 2007 estes congresos científicos foro de periodicidade trienal e tiveron como sedes Valencia (1995), Lleida (1998), Pamplona (2001), Santiago de Compostela (2004) e Albacete (2007). Almería (2009), Madrid (2011), Castelldefels (2013), Córdoba (2015) e Elche/Orihuela (2017) completan a relación de localizacións que acubillaron este evento.