Ir o contido principal

O reitor da USC, elixido presidente de RedEmprendia, rede internacional de incubadoras universitarias

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, acaba de ser elixido presidente de RedEmprendia, rede internacional de incubadoras universitarias creada a finais de 2006. O nomeamento formalizouse este luns no transcurso dunha xuntanza que a rede celebrou en Valencia. O reitor compostelán substitúe no cargo a Màrius Rubiralta, recentemente nomeado secretario de estado de Universidades.
A RedEmprendia constituíuse en decembro de 2006 na USC promovida pola institución académica compostelá, pola Universidade de Barcelona e polo Santander. O núcleo inicial formárono dende os seus inicios UNINOVA, a incubadora de empresas da USC, e abioincubadora que a Universitat de Barcelona desenvolve no Parc Científic da cidade. Ademais, no momento da súa constitución xa manifestaron o seu respaldo á iniciativa as universidades de São Paulo, Pontificia Católica de Chile e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey, ás que posteriormente se lle sumaron as universidades Autónoma e Complutense de Madrid, a Nacional Autónoma de México, as de Valencia e Bos Aires e a Universidade de Coimbra.
A actividade da rede apoiará a posta en marcha de proxectos conxuntos con outras institucións académicas iberoamericanas, que permitirán a creación de 100 spin-offs universitarios, como mínimo, nos vindeiros anos. O acordo recolle o apoio de Santander ás universidades promotoras da iniciativa para formar equipos multidisciplinares co obxectivo de facilitar a transferencia á sociedade dos resultados da investigación, con especial atención ás ciencias da vida. Ademais, o traballo desta rede orientarase cara o emprendemento responsable, comprometido co desenvolvemento social.
A Cátedra UNESCO da USC sobre Innovación e Fomento da Cultura Emprendedora funciona como base para as actividades que desenvolvan as entidades co obxecto de formar unha nova rede de cátedras de iniciativa empresarial e cultura emprendedora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2008.