Ir o contido principal

O reitor da USC manifesta o fondo pesar da institución polo pasamento de Avelino Pousa Antelo

O insigne galeguista e dinamizador do sector agrario galego recibiu no ano 2000 a insignia de ouro da universidade compostelá

O reitor da USC, Juan Casares, sumouse ás numerosas mostras de condolencia que se sucederon logo de que se coñecese a noticia do falecemento aos 98 anos do ilustre galeguista Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e un dos principais dinamizadores do sector agrario galego durante a segunda parte do século pasado. Casares destacou especialmente “o labor realizado por Pousa Antelo en prol da formación dos traballadores do agro galego, así como a súa participación en numerosos proxectos cooperativos, que axudaron á dinamización e desenvolvemento deste sector, sen esquecer a súa achega ao mundo da cultura e o galeguismo, ao que pertenceu vencellado ata o seu pasamento”. Pousa Antelo recibiu no ano 2000 a insignia de ouro da USC, ademais de ser padriño de varias promocións de estudantes en diferentes titulacións. Avelino Pousa Antelo (A Baña, 1914) estudou Maxisterio e formouse en comercio e xestión cooperativa, antes de facerse cargo en 1948 da Escola Agrícola da Granxa de Barreiros, en Sarria, o xermolo dos cursos de capacitación agraria en Galicia. O seu labor docente e investigador continuou logo en lugares como as Illas Canarias ou Aragón, antes de volver definitivamente a Galicia en 1970. Tanto o seu concello natal da Baña como o de Teo (onde residía desde hai anos) nomeárono fillo predilecto e fillo adoptivo, respectivamente. Pousa Antelo desenvolveu tamén un importante labor xornalístico, ámbito no que foi recoñecido con diversos premios polos seus artigos, centrados na formación dos agricultores e gandeiros e no cooperativismo como bases para o desenvolvemento do sector agrario galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.08.2012.