Ir o contido principal

O reitor da USC participa na xornada de presentación do proxecto Spin&Up

O reitor Juan Viaño participará este martes 7 na apertura das xornadas de presentación do Proxecto Spin&Up, concibido para estimular e favorecer a transferencia bidireccional entre o tecido empresarial e o universitario de coñecementos e tecnoloxía. O obxectivo deste proxecto é achegar valor a través da mellora e a creación de proxectos de desenvolvemento empresarial asentados en procesos de innovación constrastados no ámbito a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O proxecto celebrará este martes no edificio Cersia unha xornada na que participarán respresentantes universitarios e do tecido empresarial de Santiago así como de Minho. A xornada comezará ás 10.00 horas coa asistencia, ademais do reitor compostelán, do alcalde de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; do presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel Noya; do director xeral de TecMinho, Augusto Ferreira; e do presidente de AlMinho, António Marques. Deseguido, o conselleiro delegado da incubadora de empresas da USC –Uninova-, José Manuel Cotos Yáñez, realizará unha presentación do proxecto ao que seguirán as intervencións de Mónica Suárez Gómez e Fernando Rafael Pardo Seco, de Uninova e da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), respectivamente, falando sobre innovación aberta e propiedade industrial.

A xornada completarase cunha mesa redonda sobre as vantaxes e inconvenientes da relación Universidade-Empresa, que contará co testemuño do secretario xeral do grupo Finsa, José Carballo García; a catedrática e coordinadora do grupo BioFarma, Mabel Loza García; o director xeral de Estratexia da Cooperación de Televés, José L. Fernández Carnero; e a integrante do grupo de Aplicacións Enerxéticas Sustentables, a profesor María Ángeles López Agüera.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2016.