O reitor da USC participa este xoves en Lugo nun encontro con profesorado de ensino medio ao abeiro do programa ‘A Ponte’
O reitor da USC, Antonio López Díaz, manterá este xoves unha intensa axenda na capital luguesa, onde participará, a partir das 11.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, nun encontro con profesorado de ensino medio na provincia de Lugo promovida ao abeiro do programa ‘A ponte entre o ensino medio e a USC’.
Antonio López abrirá esta sesión, para a que formalizaron a súa inscrición preto de 30 docentes procedentes de máis de vinte centros educativos das provincias de Lugo, A Coruña e de Ourense, cun breve acto de benvida a todos os participantes. López salientará tamén na súa intervención os cometidos do programa ‘A Ponte’, no marco dun acto no que tamén intervirán a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC na EPS de Enxeñaría Ana Isabel García Arias, e o delegado do reitor para asuntos de ensino medio, Celso Rodríguez Fernández.
Visita institucional á Deputación Provincial de Lugo
O reitor da USC realizará este xoves, ás 13.00 horas, unha visita institucional ao Pazo de San Marcos, a primeira baixo a presidencia de José Tomé, para manter unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación Provincial. Este encontro, no que tamén participará a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, permitirá abordar as distintas liñas e programas de colaboración que mantén a Deputación de Lugo coa USC, entre as que figura a Granxa Experimental do Campus Terra, unha nova infraestrutura que está edificar nunha parcela da finca Gayoso-Castro, no concello lugués de Castro de Rei.