O reitor da USC e o presidente do Grupo Aresa asinan o convenio para convocar o XI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinarán este xoves 29 o convenio polo que se convoca a décimo primeira edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. A sinatura do documento, á que tamén asiste o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, terá lugar ás 11:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O obxectivo deste galardón é recoñecer e incentivar a I+D+i así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras no eido agrogandeiro, como elementos fundamentais para a mellora da calidade de vida e do benestar das persoas que traballan no medio rural galego. O premio ten unha dotación económica de 10.000 euros, achegados integramente pola empresa luguesa que lle da nome ao certame.