O reitor da USC recibirá a certificación de responsabilidade social conforme á norma SA 8000 concedida ao programa Uniemprende
O programa da USC Uniemprende, orientado á creación de empresas innovadoras xurdidas no seo da universidade compostelá, vén de obter a certificación de responsabilidade social do seu sistema de xestión conforme á norma internacional SA 8000, converténdose deste xeito na primeira universidade española que logra este tipo de recoñecemento.
A certificación recolleraa este martes, día 1 de abril, o reitor compostelán, Senén Barro, nun acto que se vai celebrar a partir das 11:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Na entrega participarán ademais o director xeral de Certificacións e o comercial de Bureau Veritas, Enrique Quejido e Carlos Martínez Peñasco, respectivamente, e o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande.
A norma internacional SA 8000 está promovida pola Social Accountability International (SAI), unha organización sen fins de lucro dedicada ao desenvolvemento, a implementación e o control de normas de responsabilidade social verificables, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo a nivel global.