O reitor da USC recibiu en San Xerome ao presidente do Grupo Compostela de Universidades
O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, recibiu esta mañá no seu despacho de San Xerome ao presidente do Grupo Compostela de Universidades. Maurits van Rooijen atópase en Santiago para asistir a unhas xornadas sobre o papel da comunicación nas institucións de educación superior.
No encontro, que organiza o propio Grupo, participaron representantes das Universidades que conforman o comité executivo que seguiron con interese as explicacións de Chris Price, da University of California Television, sobre a utilidade da ferramenta on line Equalito.com para a elección de carreira ou Universidade. A xornada do xoves rematou cunha sesión de traballo sobre as oportunidades que as novas tecnoloxías lles ofrecen ás Universidades na busca de novos estudantes.
A análise da comunicación no contexto do EEES, o deseño corporativo na rede e os posibles cambios na comunicación interna do Grupo Compostela a través da implementación de novas tecnoloxías foron os asuntos cos que este venres rematou a xuntanza e da que Maurits van Rooijen concluíu a necesidade dunha maior coordinación para aproveitar as sinerxías do grupo, “sempre partindo dunha definición e estruturación propia adecuada e sendo conscientes das adversidades existentes para así poder superalas de mellor maneira”.