Ir o contido principal

O reitor da USC reivindica o cambio inmediato nas políticas orientadas á educación e á investigación

O reitor da USC reivindica o cambio inmediato nas políticas orientadas á educación e á investigación. Foto: Santi Alvite
O reitor da USC reivindica o cambio inmediato nas políticas orientadas á educación e á investigación. Foto: Santi Alvite
No acto conxunto de apertura do curso académico do Sistema Universitario Galego, o reitor Juan Casares reivindicou o carácter público, comprometido e responsable da universidade galega coa sociedade...

“Non somos nin queremos ser unha illa. O compromiso das universidades está aí e o cambio nas políticas ten que producirse de xeito inmediato, sen dilación”. Con estas palabras concluía o reitor Juan Casares o seu discurso no acto solemne de inauguración do curso académico 2013-2014 do Sistema Universitario Galego celebrado este venres 6 no Colexio de Fonseca da universidade compostelá. A sesión solemne presidiuna o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, a quen acompañaron na mesa presidencial os tres reitores galegos, Juan Casares, da USC; Xosé L. Armesto, da Coruña; e Salustiano Mato, de Vigo; ademais do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Entre outras autoridades civís tamén asistiron a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; a vicepresidenta da Mesa do Parlamento, Concepción del Burgo; o alcalde de Lugo, José López Orozco; ou o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez. Po outra banda, representantes da comunidade universitaria concentráronse ás portas do edificio para protestar polos recortes en educación, mentres que no interior outro grupo mostrou diversos símbolos reivindicativos. Sen esquecer que “estamos nunha situación de crise” e que “somos unha universidade pública, comprometida e responsable coa sociedade á que se debe”, Juan Casares deixou constancia na súa intervención da súa “fonda preocupación polo devir do apoio público á investigacións nestes momentos”. A investigación científica, engadiu, é un fin en si mesma para a Universidade porque a mesma definición de universidade inclúe tanto o ensino como a investigación e “penso que o mellor ensino supón xerar unha necesidade de coñecer sen límites que é característica da investigación”. No seu discurso, o reitor vinculou a función científica da institución universitaria coa súa misión no contexto económico, “no modelo económico actual escoitamos a diario que a Ciencia ten que estar ao servizo da Economía, porque ten que servir como motor de crecemento e base de competitividade”. Casares matizou que aínda que sendo certo que a I+D pode producir beneficios económicos “non podemos afirmar que a actividade científica sexa un motor de desenvolvemento económico, pero si é certo que sen ela este non sería posible”. O reitor utilizou os datos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía para plasmar a dimensión da ciencia en Galicia e en España. Segundo esta fonte, o orzamento para I+D+i pasou de 3.048 millóns de euros de 2000 aos 9.673 millóns de euros de 2009. A partir dese ano produciuse un descenso progresivo ata os 5.932 millóns de euros en 2013, o que representa unha redución do 35%. Sobre o total do orzamento español, a inversión en I+D+i tivo o seu máximo en 2007, co 1,93%, e foi diminuíndo ata o 1,39% actual, lonxe das “cifras recomendadas por todos os órganos supranacionais dun 3% anual”. A pesar destas reducións orzamentarias, Juan Casares subliñou que o incremento rexistrado nos principais indicadores que mostran a capacidade investigadora nas universidades nos últimos tres anos “se explica porque estamos a ver agora os resultados dos investimentos realizados nos anos anteriores”. Engadiu neste senso que “é de esperar, lamentablemente, que esta produción descenda de xeito dramático no futuro próximo como resultado da redución do gasto en I+D actual e terá, sen dúbida, efectos sobre a cultura, a sociedade e mesmo a economía”. As consecuencias non se deixarán esperar, segundo o reitor compostelán. “É indubidable que a diminución da actividade investigadora ten un claro efecto, intanxible a primeira vista, que é a redución da contribución na busca de novo coñecemento. Como este efecto non é inmediato, é imposible de cuantificar e non é percibido, polo que nos resulta difícil utilizalo para convencer a clase política da súa importancia no momento de elaborar os orzamentos”. Pola súa banda, o conselleiro afirmou que a educación pública é unhas das prioridades da administración autonómica no camiño da recuperación económica, asegurando que o novo concepto de financiamento da Xunta de Galicia é proba do seu compromiso coas institucións universitarias galegas, ás que considera motor de avance e aseguramento do futuro. Neste senso, Xesús Vázquez asegurou que aposta pola mellora do capital humano ao ser o “verdadeiro soporte da universidade galega”, e que Galicia ten talento. Afirmando que é preciso mudar hábitos nas universidades, en opinión do conselleiro, a Xunta ten a obriga de apoiar as universidades. Lección maxistral Neste acto conxunto de apertura do curso académico das universidades galegas, o catedrático de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, Domingo Esteban Gómez Fernández, foi o encargado de pronunciar a lección maxistral, dedicada á análise da ‘Avaliación do acoso psíquico. Horizonte de futuro’. O Colexio de Fonseca acolleu o acto solemne de apertura do curso no Sistema Universitario Galego. Foto: Santi Alvite O catedrático Domingo Esteban Gómez Fernández foi o encargado de pronunciar a lección maxistral. Foto: Santi Alvite Docentes togados portaron símbolos reivindicativos contra os recortes en educación. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.09.2013.