Ir o contido principal

O reitor da USC reuniuse coa portavoz nacional do BNG

O reitor con Ana Pontón e Goretti Sanmartín. Foto: Santi Alvite
O reitor con Ana Pontón e Goretti Sanmartín. Foto: Santi Alvite
A xuntanza enmárcase na rolda de contactos institucionais do novo equipo de goberno

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, recibiu este xoves no seu despacho de San Xerome á parlamentaria e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que estaba acompañada pola concelleira de Santiago e deputada provincial da Coruña, Goretti Sanmartín.

Como explicou Antonio López, a xuntanza enmárcase na rolda de contactos institucionais que o novo equipo de goberno universitario ten programada para falar de aspectos xerais que teñen que ver coa universidade pública, co seu financiamento e cos seus proxectos de futuro. “En definitiva –d ixo-, tratar de trasladar a idea que temos de universidade”.

Pola súa banda, para Ana Pontón a universidade é “fundamental para que poidamos seguir innovando, captando talento e apostando pola modernización do noso tecido económico e social”, ademais de ser “clave” na aposta pola cohesión social e “para que teñamos un sistema público que garanta a igualdade de oportunidades”. Por todo isto, na xuntanza de hoxe trasladáronlle ao reitor de maneira xeral as súas propostas e preocupacións, que xiran en torno a tres cuestións como son o financiamento, as bolsas e a investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2018.