Ir o contido principal

O reitor da USC visita o complexo romano de Aquae Querquennae

O reitor e directora xeral de Patrimonio Cultural reciben as explicacións do profesor Colmenero en presenza do alcalde José Antonio Armada
O reitor e directora xeral de Patrimonio Cultural reciben as explicacións do profesor Colmenero en presenza do alcalde José Antonio Armada
Acaban de rematar os traballos de reconstrución parcial de parte do sector do campamento romano

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, visitou este luns 23 as escavacións arqueolóxicas que xestiona a Fundación Aquae Querquennae na localidade de Portoquintela-Bande en Ourense. Acompañaron ao reitor, a directora xeral de Patrimonio Cultural María del Carmen Martínez Ínsua, así como representantes da propia Fundación, entre eles o profesor Antonio Rodríguez Colmenero e o presidente da Fundación, Luis Fernando Quiroga; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; o director do complexo arqueolóxico, Santiago Ferrer; e a profesora Ana Goy. O grupo puido coñecer a zona da escavación na que remataron recentemente unha serie de traballos para a reconstrución parcial de parte do sector do campamento romano, unha superficie de preto de 1.200 metros cadrados. Estes traballos permitirán a posta en valor e o achegamento á sociedade dun importante legado cultural que, ao mesmo tempo, permitirá unha mellor comprensión do que representa o recinto e do que supuxo historicamente para o contorno máis inmediato. Neste senso, o alcalde de Bande destacou a importancia que estas instalacións arqueolóxicos representan para o atractivo turístico da localidade. Para o reitor, que visita o complexo por segunda vez no seu mandato, o traballo realizado evidencia a transcendencia da investigación no eido das Humanidades e subliña a importancia de outorgar unha interpretación correcta ao pasado e aos distintos elementos a través dos que este se manifesta. Como se puxo de manifesto na visita, o encontro serviu para definir tamén as vías de colaboración que a USC, a Fundación e a Xunta de Galicia seguirán desenvolvendo no futuro para a conservación e interpretación dos restos do complexo. O complexo Aquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense). Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, ambos os dous da USC. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación. Esta Fundación xurde coa finalidade de facer da zona romana de Aquis Querquennis unha oferta con atractivo no contexto do turismo cultural de alto interese e rendabilidade social e cultural. Deste xeito, a Fundación dedícase a protexer, estudar e promover o citado complexo arqueolóxico e os sectores da Vía Nova Romana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2013.