O reitor da USC visitou a Deputación de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, visitou este venres, día 14, a Deputación de Lugo, onde foi recibido polo seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o vicepresidente, Xosé Antón Bao. Esta visita institucional serve para afianzar as relacións entre ambas as dúas entidades.
Tras coñecer aos portavoces dos diferentes grupos políticos que forman o goberno provincial, Senén Barro asinou no Libro de Ouro da institución e recibíu como obsequio unha réplica en madeira dun organistrum, instrumento coñecido por aparecer reproducido no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.
Posteriormente, o reitor e o presidente da Deputación mantiveron unha reunión no seu despacho de San Marcos, tempo que aproveitaron para falar das colaboracións futuras entre a USC e a Deputación. Segundo explicou Senén Barro, as relacións co anterior goberno provincial foron moi fluidas e espera que sexan aínda mellores, se cabe, co actual, ademais recordou que todos os recursos da Universidade están á disposición da sociedade.
Pola súa banda, Gómez Besteiro insistiu na continuidade das colaboracións e destacou, entre as máis cercanas, o compromiso da nova Escola de Enxeñería Civil, pero aclarou que o apoio vai máis aló da achega de terreos para instalacións.