O reitor da USC visitou as escavacións da Cova de Valdavara en Becerreá
As escavacións na Cova de Valdavara en Becerreá abren “perspectivas interesantes” para o coñecemento do poboamento humano en Galicia durante o Paleolítico Superior final. Así o indicou o investigador e director das escavacións Manuel Vaquero na visita que o reitor da USC, Senén Barro, realizou a estas prospeccións na localidade de Becerreá.
Na visita tamén participaron o director do proxecto de investigación no que se integran estes traballos arqueolóxicos, Ramón Fábregas, a codirectora das escavacións, Susana Alonso, e o concelleiro de Cultura de Becerreá, Claudio Vázquez. No transcurso da visita, Senén Barro, mostrou o agradecemento da institución académica a o Concello de Becerreá polo apoio que está a prestar para que os investigadores podan desenvolver o seu labor.
As escavacións forman parte do proxecto de investigación ‘Ocupacións humanas durante o Plistoceno na conca media do Miño’ que dirixe o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) coa colaboración do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Integran este proxecto, ademais da Cova de Valdavara, varias intervencións arqueolóxicas realizadas entre 2006 e 2009 como as realizadas na Depresión de Monforte, na Cova Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel).
Cos traballos arqueolóxicos realizados en Valdavara localizáronse restos faunísticos e de cultura material correspondentes a utilizacións holocenas e de finais do Plistoceno, as primeiras vinculadas a usos funerarios da cavidade a finais do terceiro milenio antes de Cristo. Entre as segunda destaca a aparición de contas de colar en concha datadas no 15.000 AC. Ademais destes retos tamén se atoparon os restos de tres individuos infantís, cuxa deposición tivo lugar durante a Idade do Bronce, cara mediados do II milenio AC.
Segundo puxo de manifesto Manuel Vaquero na visita realizada este martes á Cova, os resultados obtidos nestas escavacións “poñen de manifesto o potencial dos sistemas kársticos das Serras Orientais para o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica”. A diferenza do que ocorre noutros xacementos galegos, os depósitos sobre os que traballan actualmente os investigadores da USC caracterízanse por unha boa conversación dos restos orgánicos, o que permite “un coñecemento máis completo das estratexias de comportamento das poboacións humanas”, así como datacións radiométricas, “esenciais para situar cronoloxicamente os conxuntos”, engade o investigador.
Os rexistros en Carbono 14 obtidos polo grupo da USC para o nivel paleolítico constitúen “unha novidade no panorama arqueolóxico do Paleolítico Superior galego, xa que corresponden a un período –o Magdaleniense Inferior-Medio- para o que ata agora non se contaba con ningunha datación”.
A cova de ValdavaraAo pé das primeiras estribacións das Serras Orientais de Galicia a unha altitude de 600 metros sobre o nivel do mar, dende o punto de vista xeolóxico a Cova de Valdavara se localiza no Dominio do Manto de Mondoñedo, formando parte da zona Asturoccidental-leonesa do Macizo Ibérico. Son formacións paleozoicas nas que predominan as rocas arenosas e pizarrosas, se ben hai que destacar a existencia de formacións calcáreas, como as Calizas de Vegadeo, nas que se empraza esta cavidade.
A Cova de Valdavara sitúase á marxe dereita do río Cruzul, un dos afluentes do río Navia. É unha pequena cavidade aberta cara o Noroeste, a uns 120 metros de altura con respecto á canle actual do río. A poucos metros por debaixo da entrada da cova, se abre unha pequena fisura na roca que parecía corresponder a unha segunda entrada ao sistema kárstico case totalmente colmatada. No noiro que se estendía ao pé desta fisura se atoparon algúns restos arqueolóxicos en superficie o que, en opinión dos investigadores, suxería a posible presenza de restos arqueolóxicos neste segundo depósito.