Ir o contido principal

Os reitores do suroeste europeo afianzan a súa cooperación en rede

Os reitores do suroeste europeo afianzan a súa cooperación en rede
Os reitores do suroeste europeo afianzan a súa cooperación en rede
Reuníronse na Universidade de Vigo as Conferencias de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e do Noroeste de España (CRUNO)

As recentemente constituídas Conferencias de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e do Noroeste de España (CRUNO) reuníronse este xoves en Vigo para tratar de establecer de maneira concreta as súas liñas estratéxicas de actuación á vez que culminar o seu proceso de organización. CRUSOE reúne 18 universidades e institutos politécnicos que conforman a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal) e que contan en total 275.000 estudantes. Pretende ser unha rede internacional que permita aplicar de maneira efectiva as políticas universitarias en materia de proxectos de investigación e desenvolvemento e programas de internacionalización e desenvolvemento social. Entre as súas accións máis inmediatas figura a elaboración dun plan estratéxico que recolla as capacidades e obxectivos das institucións académicas que se trasladará aos gobernos de España e Portugal e a diversas instancias europeas coa vista posta no programa Horizon 2020. O documento centrarase en seis áreas temáticas: a auga, o sector primario, saúde, medio ambiente e enerxía, patrimonio material e inmaterial e cooperación. CRUNO Pola súa banda, os reitores das 11 universidades de Galicia e Castela e León conforman a CRUNO, un organismo creado para contribuír á mellora da educación superior a través da cooperación interuniversitaria e o diálogo entre as institucións académicas e os axentes sociais. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, é o seu presidente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2012.